Ir o contido principal

Investigadores do Campus Terra valoran o uso de lodos como opción para reducir custes e impacto ambiental na agricultura

Amador García presenta a súa tese de doutoramento na EPSE en presenza dos directores da investigación
Amador García presenta a súa tese de doutoramento na EPSE en presenza dos directores da investigación
Alberto Amador García aborda na tese presentada na EPSE e dirixida por Antonio Rigueiro, Rosa Mosquera e Nuria Ferreiro, o uso de lodos como fertilizante

O emprego de lodos de depuradora estabilizados con cal podería ser unha alternativa viable para reducir o custo de produción nas explotacións galegas e o impacto ambiental dos residuos orgánicos e os fertilizantes químicos, segundo se recolle na tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC o enxeñeiro agrónomo e director técnico de Agroamb, Alberto Amador García.

A investigación de doutoramento realizada na EPSE por Amador García e dirixida polos profesores Antonio Rigueiro, Rosa Mosquera e Nuria Ferreira, desenvólvese baixo título ‘Valorización de lodos de depuradora como fertilizante no marco da economía circular: de residuo a recurso’.

O autor desta tese avalía na súa investigación o uso potencial dos lodos de depuradora urbana como fertilizante en Galicia en base aos niveis de metais pesados nos chans galegos, o aporte de zinc ao chan con diferentes tipos de lodo de depuradora urbana (anaeróbicos, peletizados e compostados) considerando os niveis de zinc no chan e a lexislación actual e futura, ademais de ter en conta o efecto dos lodos de depuradora urbana usados como materia prima na elaboración de emendas orgánicas aplicadas ao chan na transformación de zonas de monte en pasto sobre a fertilidade do chan, a produción e composición botánica do pasto.

A tese de doutoramento realizada por Alberto Amador García achega resultados e datos relevantes tales como que para respectar o ambiente orixinal do chan que actúa como hábitat para diferentes organismos é necesario ter en conta os niveis medios de metais pesados do solo cando se achegan lodos de depuradora, a fin de evitar que se superen os niveis medios dos solos derivados dos diferentes materiais de roca nai.

Na investigación recomendase ademais utilizar o lodo compostado como emenda, a fin de reducir a posible contaminación, ao tempo que se aconsella o emprego como fertilizantes dos lodos peletizados e dixeridos anaeróbicamente como. En calquera caso se non se mellora a calidade dos lodos de depuradora, a aplicación dos mesmos debe reducirse en frecuencia ou dose, permitindo que os solos obteñan beneficios de aumentar a materia orgánica sen cambios fortes no contido de metais pesados no chan, tales como o zinc.

Alberto Amador García sinala tamén que o uso na agricultura de emendas orgánicas, elaboradas a partir de residuos orgánicos biodegradables como son os lodos de depuradora urbana que se estabilizan con cal, é unha boa opción con respecto ás prácticas de manexo convencionais en Galicia, tales como son o encalado e a fertilización mineral. Isto é debido, subliña o investigador, a que as emendas orgánicas baseadas en residuos orgánicos implican unha reciclaxe de nutrientes ao mesmo tempo que melloran a fertilidade do solo.

Daquela, a substitución parcial ou total do encalado e do abonado mineral (cal) polas emendas orgánicas podería ser unha alternativa viable para reducir o custo de produción nas explotacións galegas e o impacto ambiental dos residuos orgánicos e os fertilizantes químicos, conclúe esta investigación de doutoramento.

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Alberto Amador-García estivo presidido por Ana Carballos-Cruz, do CSIC (Estación Experimental do Zaidín, Granada). A profesora Lourdes López-Díaz, da Universidade de Plasencia, e María do Pilar González-Hernández, da USC, completaron a composición dun tribunal que acordou outorgar a máxima cualificación académica á tese presentada polo director técnico de Agroamb.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2017.