Investigadores do CITIUS desenvolven ferramentas para a mellora do rendemento de aplicacións informáticas baseadas na súa monitorización
A tese de Juan Ángel Lorenzo del Castillo, na que desenvolve ferramentas para a mellora do rendemento de aplicacións informáticas, acaba de obter a cualificación de Sobresaliente cum laude no acto de defensa e mantemento celebrado este venres na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago. Co título, ‘Performance Counter-based Strategies to Improve Data Locality on Multiprocessor Systems: Reordering and Page Migration Techniques’, o traballo de investigación dirixírono os investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS), Francisco Fernández Rivera e Juan Carlos Pichel Campos.
O traballo posúe grande interese para as grandes multinacionais da supercomputación porque, como explica o seu codirector Francisco Fernández, “os resultados obtidos demostran que determinadas técnicas de reordenamento poden mellorar o rendemento das aplicacións informáticas empregando mecanismos novos a partir da información obtida polos contadores hardware dos microprocesadores actuais”, o que implicaría unha vantaxe competitiva para as empresas que empreguen ditas técnicas. Estudadas no marco dun proxecto con HP Labs no Finisterrae do Cesga, non obstante o avance tamén se poderían estender a outros ámbitos onde se empreguen computadores convencionais, sinalou Fernández Rivera.
Partindo de que as capacidades dos contadores de monitorización de rendemento -tamén coñecidos como contadores hardware- non foron aínda completamente explotadas, a tese aborda a utilización destes contadores para apoiar estratexias que melloren o rendemento dun importante grupo de aplicacións en tempo de execución. O investigador explicou na súa defensa que o emprego de técnicas como o profiling poden resultar útiles para caracterizar o comportamento dun programa xa que, como o propio investigador indica, “mentres que, tradicionalmente, o uso do profiling se limitou á obtención de mostras co obxectivo de descubrir as zonas máis custosas na execución dun programa, outro uso non tan estendido consiste en utilizar esa información para tomar decisións efectivas que poidan conducir a unha mellora no rendemento”.