Investigadores da EPS de Enxeñaría optimizan o manexo da auga nas explotacións de cultivo de lúpulo

Investigadores do grupo Proxectos e Planificación (Proepla) da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC avanzan na optimización do manexo da auga neste cultivo, tanto en producións convencionais como en ecolóxico, a través da implantación dun sistema de rega por goteo que posibilita a aplicación simultánea de auga e fertilizantes, segundo se recolle no informe de resultados do proxecto Innovacións no cultivo de lúpulo en España, desenvolvido polo grupo operativo Lúpulos de Calidade.
As pescudas desenvolvidas polos investigadores do Campus de Lugo ao abeiro deste grupo operativo creado en 2018 co obxecto de mellorar a competitividade e a sustentabilidade das explotacións agrícolas de lúpulo serviron para analizar polo miúdo tanto as necesidades de rega como a súa incidencia na produción deste cultivo, ademais de para calcular e determinar con precisión a cantidade de auga e tamén de nutrientes que precisa este cultivo nas distintas etapas.
O investigador do grupo Proepla da EPS de Enxeñaría da USC Javier J. Cancela Barrio sinalou neste senso que o sistema de rega por goteo, a través do que tamén é posible o subministro de fertilizantes e, de ser o caso, de tratamentos para posibles enfermidades das plantas, antóllase como un modelo moito máis eficiente que a rega por asolagamento, que constitúe o sistema habitual nas explotacións de lúpulo de Castela e Léon.
As vantaxes que depara o sistema de rega por goteo optimizado polo grupo de investigación da USC permite un control moito máis eficiente do estado e cada planta, tanto das súas necesidades hídricas como respecto tamén de nutrientes, explicou Javier J. Cancela. Este investigador salientou asemade que o labor desenvolvido no marco deste proxecto, cuxo labor de experimentación se realizou tanto nas parcelas de lúpulo de que dispón a Cooperativa Lutega en Mabegondo, como noutras parcelas de cultivo de lúpulo en ecolóxico radicadas na contorna de Lalín, permitiu establecer que o nivel óptimo de humidade do solo para o cultivo de lúpulo sitúase no 25%.
A conservación dun nivel de humidade do solo arredor do 25% é factible a través da rega por goteo grazas á instalación de sensores, dispositivos que miden con precisión diversos parámetros das plantas e dos solos, entre os que se atopa o grao de humidade, explica Cancela, quen engadiu que a tendencia do sector produtivo apunta cara a substitución dos tradicionais sistemas de abastecemento hídrico por este novo modelo de goteo, máis preciso e fácil de modular.
Obxectivos e socios do proxecto
O grupo operativo Lúpulos de Calidade nace en 2018 co obxectivo de avanzar no control sustentable de pragas e enfermidades, optimizar o sistema de rega e fertilización, e asegurar a sustentabilidade ambiental e económica das explotacións. Para acadar estes fins, os socios implicados nesta actuación puxeron en marcha varios instrumentos, tales como como unha guía de xestión integrada de pragas, o rexistro de novas materias activas para o control de patóxenos no cultivo ou unha guía de boas prácticas agrarias. Algúns dos avances acadados logo de dous anos de traballos aparecen recollidos no vídeo elaborado como colofón do proxecto ‘Innovacións no cultivo de lúpulo en España para mellorar a sustentabilidade das explotacións agrícolas’, financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.
Os investigadores da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC colaboraron nesta proxecto de mellora da sustentabilidade das explotacións de lúpulo xunto cos demais compoñentes do grupo operativo Lúpulos de Calidade, un consorcio do que tamén forman parte a Sociedade Agraria de Transformación Lúpulos de León, Cooperativa Lutega, Universidade de León, Itacyl (Instituto de Transformación Agraria de Castela León), AGACAL (Axencia Galega de Calidade Alimentaria), NEIKER (Centro de Investigación agrario do País Vasco) e a empresa Hopsteiner.
