Ir o contido principal

Investigadores de prestixio internacional debaten en Santiago sobre a intelixencia artificial

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2010

Axudar a comprender a importancia actual da intelixencia artificial cunha perspectiva aberta, sinxela e transdisciplinar é o obxectivo do curso ‘Intelixencia artificial: ciencia, tecnoloxía, ficción ou márketing?’ que se desenvolverá dende o 27 ao 30 de xullo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. Este seminario contará coa participación de investigadores de recoñecido prestixio internacional en temas de tanta actualidade como son a intelixencia artificial emerxente, nas redes sociais ou a computación evolutiva, e que orientan tamén unha parte importante do seu traballo ao desenvolvemento de aplicacións en eidos como a medicina asistencial a distancia ou a robótica intelixente. Ademais de once relatorios e tres mesas redondas para expor as principais teorías, mitos e prexuízos da intelixencia artificial, o programa deste curso inclúe tamén obradoiros con demostracións prácticas de telemonitorización en medicina e robótica intelixente que permitirán aos asistentes tomar un contacto directo coa I.A. e coas súas aplicacións máis relevantes na sociedade. O Grupo de Sistemas Intelixentes da USC baixo a dirección de Senén Barro, catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial, organiza estas xornadas que teñen unha carga lectiva de trinta e unha horas. Toda a información sobre este curso de verán pódese consultar na páxina www.usc.es/cultura/uveran08_10.htm.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.07.2010.