Ioga, zumba, ximnasia de mantemento, aeróbic, hipopresivos e voleibol integran as Actividades de Verán 2023 da USC en Lugo

A programación de disciplinas ou actividades de aprendizaxe deportiva ofertada pola USC no seu campus de Lugo durante o mes de xuño inclúe ioga, zumba, ximnasia de mantemento, aeróbic, step, hipopresivos e voleibol. O prazo de inscrición neste abano de modalidades xa está aberto na web de Deporte da USC, onde tamén se poden consultar quendas horarias, categorías e prezos.
O número de prazas ofertadas para tomar parte nas Actividades de Verán 2023 da USC en Lugo é de 125 e todas as sesións se desenvolverán desde o 1 ata o 30 de xuño, de luns a xoves, en quenda de tarde, na sala de deportes da Facultade de Veterinaria, agás no caso de voleibol, que se celebrará no pavillón do CEIP Illa Verde de Lugo.
Os obxectivos das Actividades de Verán 2023 da USC pasan por contribuír a mellorar a condición, a coordinación e a resistencia física das persoas participantes, coñecer e mellorar diferentes técnicas de respiración e concentración, ademais de achegar un maior grao de benestar ou, no seu caso, favorecer a socialización.
Sendeirismo
A Área Deportiva da USC mantén tamén aberto o prazo para a inscrición na actividade de montaña especial verán (Llánaves de la Reina, León), que terá lugar do 22 ao 26 de xullo. Para poder asistir a esta actividade é necesario estar en posesión da licenza federativa (mínimo tipo "B").