Ir o contido principal

O iTERRA dá os seus primeiros pasos para facer fronte aos desafíos da saúde global e desenvolvemento sostible

De esquerda a dereita, Marta López Alonso, Antonio López Díaz e Pilar Bermejo Barrera.
De esquerda a dereita, Marta López Alonso, Antonio López Díaz e Pilar Bermejo Barrera.
A directora comisaria, Marta López Alonso, destacou na reunión constitutiva da Xunta de Goberno deste novo Instituto da USC que a meta é “crear un espazo de investigación interdisciplinario e de colaboración desde o Campus Terra, con proxección global e compromiso co territorio”
Lugo

“O iTERRA nace cunha convicción clara: a saúde das persoas, a saúde dos animais e a saúde do planeta están profundamente interconectadas”. Con estas verbas definiu Marta López Alonso, directora comisaria do Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible (iTERRA), o que será o alicerce deste novo instituto que desenvolveu este martes 28, no edificio Cactus do Campus de Lugo, a reunión constitutiva da Xunta de Goberno coa que dá os seus primeiros pasos. Baixo o lema ‘Un só mundo, unha soa saúde’, “o noso obxectivo é crear un espazo de investigación interdisciplinario e de colaboración desde o Campus Terra, con proxección global e compromiso co territorio”, engadiu.

O reitor da USC, Antonio López Díaz, e a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo Barrera, participaron nesta xuntanza na que, ademais de darlle o visto bo á proposta de nomeamento da directora comisaria e da Comisión Asesora Externa do Instituto, deuse luz verde á primeira convocatoria de vinculación ao iTERRA. Este proceso realizarase a través dunha chamada de expresión de interese para a vinculación de persoal investigador, durante o período 2025-2029, cuxa investigación se desenvolva nos eidos da saúde humana e animal, a produción, tecnoloxía, nutrición e seguridade alimentaria, a sostibilidade ambiental e as metodoloxías fisicoquímicas, ómicas e dixitais, todos eles eidos de actuación do iTERRA.

Tal e como destacou a profesora López Alonso, “vivimos nun tempo no que os grandes retos —o cambio climático, as zoonoses, a seguridade alimentaria ou a degradación ambiental— esixen novas formas de facer ciencia”. Neste senso, o iTERRA xorde precisamente para dar unha “resposta coordinada a eses desafíos, integrando a saúde humana e animal, a nutrición e seguridade alimentaria e a sustentabilidade ambiental”. Desde Lugo, engadiu, “queremos contribuír a un futuro máis saudable, máis sostible e máis xusto, conectando ciencia, territorio e sociedade. E facelo coa identidade que define o Campus Terra: compromiso, excelencia e vocación de servizo público”.

Modelos resilientes para o benestar 

O iTERRA impulsará a excelencia científica, a colaboración intersectorial e o aproveitamento do coñecemento local, promovendo modelos sostibles e resilientes que contribúan ao benestar das persoas, dos animais e dos ecosistemas. Así, este novo instituto da USC aspira a consolidarse como un referente estatal e internacional en investigación en saúde global e sustentabilidade, recoñecido pola súa capacidade para integrar ciencia, innovación e coñecemento local na procura de solucións baseadas na evidencia ante os grandes retos do século XXI: a saúde humana e animal, a alimentación e seguridade alimentaria, e a sustentabilidade dos ecosistemas. Desde o seu enfoque holístico e a súa vinculación co territorio, contribuirá a situar o Campus Terra como un referente europeo en investigación e innovación responsable, proxectando desde Lugo un modelo de ciencia aberta, sostible e de excelencia.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2025.