Ir o contido principal

“Javier D’Ors era un profesor magnético que nos fixo sentir o Dereito e non só coñecelo”

De esquerda a dereita, Marié Sixto, Ana Gude, Antonio López, Ana Gonzaléz e José Luis Alonso. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Marié Sixto, Ana Gude, Antonio López, Ana Gonzaléz e José Luis Alonso. Foto: Santi Alvite
A Facultade de Dereito homenaxeou este luns o catedrático de Dereito Romano da USC, finado o pasado ano

Nun salón de graos ateigado de estudantes, profesorado, colegas de profesión e discípulas e discípulos, o profesor Javier D’Ors Lois (1948-2024) recibía hoxe unha homenaxe póstuma na que quedaba constancia da pegada que este catedrático de Dereito Romano deixou neste centro en moitas xeracións.

No concorrido acto, que para o reitor Antonio López “testemuña o aprecio e recoñecemento por toda unha vida dedicada á docencia é á institución”, interviñeron compañeiras e compañeiros en diversas etapas do profesor D’Ors. Entre elas, a profesora de Dereito Romano da USC Marié Sixto da Silva, que o cualificou como “profesor magnético que nos fixo sentir o Dereito e non só coñecelo”.

Participaron ademais na homenaxe a catedrática de Dereito Romano na Universidade dos Andes (Chile), Ángeles Soza Ried; o catedrático de Dereito Romano da Universidade de Zürich (Suíza) José Luis Alonso Rodríguez ca conferencia ‘Ultra fines: insolvencia, papiroloxía e método orsiano’; a profesora da USC Ana González Bustelo e a decana da Facultade, Ana Gude Fernández.

Todas e todos coincidiron en que o profesor D’Ors deixou unha profunda mella de admiración e respecto na Facultade, que hoxe lle correspondeu con esa asistencia concorrida a un acto que ademais contou coa adhesión a el de docentes de Dereito Romano dunha vintena de facultades de España.

O público asistente encheu o salón de actos. Foto: Santi Alvite
O público asistente encheu o salón de actos. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.03.2025.