Juan Lema, investido doutor ‘honoris causa’ pola Universidade de Valladolid

O profesor emérito da USC Juan Lema foi investido este venres doutor honoris causa pola Universidade de Valladolid no marco dun acto presidido polo reitor da institución, o profesor Largo Cabrerizo. Baixo o título ‘Os camiños (os meus camiños) da enxeñería química’, Lema pronunciou un discurso no que enmarcou a súa propia traxectoria académica e investigadora. Así, realizou un percorrido polo seu papel como director do Departamento de Enxeñería Química, promotor e primeiro director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), promotor e primeiro presidente da Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñería Química (CODDIQ) de España e como promotor e primeiro coordinador da agrupación CRETUS, actualmente un dos centros singulares de investigación da USC.
Asemade, destacou o seu papel como impulsor e director do grupo de investigación ‘Biotecnoloxía ambiental’ (Biogroup) no que dirixiu ata o momento 60 teses de doutoramento. Lema mostrou a súa satisfacción ao constatar o gran desenvolvemento profesional das súas doutorandas e doutorandos, entre os que se atopan uns 30 profesores (once deles catedráticos de universidade), en once universidades de España, Chile, México, Emiratos árabes, Holanda e Colombia, con quen compartiu este recoñecemento. Ao acto asistiron máis de 100 profesores e profesoras de diversas universidades. En representación da USC, estivo presente o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa.
O profesor Lema recibiu numerosas distincións ao longo da súa dilatada traxectoria académica e investigadora, entre elas, o doutoramento honoris causa pola Pontificia Universidade Católica de Valparaíso (Chile), e polo Politécnico de Milán, así como o nomeamento de Profesor Honorario da Universidade de Queensland (Australia). Por outra banda, recibiu a insignia de ouro da USC, é Fellow da International Water Association e é receptor de numerosos premios de investigación. Figura na lista de Stanford do 2% de científicos máis citados a nivel mundial.
