Ir o contido principal

Juan M. Lema Rodicio, investido profesor honorario na Universidade de Tecnoloxía Química de Beijing

O profesor Lema, agradecendo o recoñecemento en Beijing
O profesor Lema, agradecendo o recoñecemento en Beijing
Ata o momento non chegan a 25 as persoas que en todo o mundo recibiron esta distinción

O profesor emérito da USC Juan M. Lema Rodicio vén de recibir o nomeamento como profesor honorario da Universidade de Tecnoloxía Química de Beijing (BUCT), a máis alta distinción académica outorgada polas universidades chinesas -equivalente ao doutoramento Honoris Causa-. O nomeamento tamén o faculta para pertencer ao seu claustro de docentes e impartir anualmente conferencias. Ata o momento non chegan a 25 as persoas que en todo o mundo recibiron esta distinción.

O titulo foi outorgado en recoñecemento das “excepcionais achegas do profesor Lema no campo da biotecnoloxía ambiental orientadas á recuperación de recursos a partir de residuos, nos derradeiros 30 anos, nun planteamento visionario en base aos principios de economía circular”. O reitor chinés salientou ademais o legado de Lema pola creación da “escola de Santiago”, con máis de 120 doutores espallados en máis de 20 países.

Juan Lema amosou a súa gratitude por recibir tan alta honra dunha tan prestixiosa universidade e mostrou a súa admiración polas instalacións educativas. Á súa vez, comprometeuse a fomentar as relacións de investigación e de intercambio de estudiantes e investigadores entre as dúas universidades.

A BUCT
Universidade orientada á enxeñaría, a BUCT figura no ranking de Shanghai no posto sétimo do mundo no ámbito de enxeñaría química, tras institucións de tanta sona como o MIT, a Universidade de, Tsinghua ou GeorgiaTech. O seu tamaño, en termos de estudantes e docentes, é similar ao da USC. No seu “new campus” están a desenvolver un sistema educativo extraordinariamente ambicioso e tecnificado, con sistemas revolucionarios de simulación en base a intelixencia artificial.

Profesor Lema
Catedrático emérito de Enxeñaría Química e investigador e coordinador científico de CRETUS, os traballos de Juan Lema no campo da Biotecnoloxía Ambiental procuran desenvolver tecnoloxía e procesos para recuperar recursos de auga e residuos, nunha orientación de economía circular.

Juan lema dirixiu 62 teses de doutoramento e é autor de máis de 450 artigos en revistas e capítulos de libros, ademais de 20 patentes (9 delas internacionais). Figura, como 7 dos seus antigos doutorandos, na lista de Stanford entre o 2% dos científicos máis influentes do mundo.

Foi director dos departamentos de enxeñaría química da UAB (1981-83) e da USC ( 1991-2000) e creador do centro de transferencia de tecnoloxía da USC 1999-2000. Impulsor e primeiro director da ETSE (2003-2010) e primeiro presidente da Conferencia Española de Directores e Decanos de Enxeñaría Química (CODDIQ) (2008-2012), foi ademais o promotor e coordinador de CRETUS entre 2015 e 2019.

No seu haber, o profesor lema conta con recoñecementos como a Insignia de ouro da USC ou o doutoramento Honoris Causa polas Universidades Católica de Valparaiso (Chile) (2015), Valladolid (2021), Politecnico de Milan (2021) e Autonoma de Barcelona (2023). É Profesor Honorario da University of Queensland (Australia) (2018) e Fellow (2014) e Distinguished Fellow (2022) (o único español) da International Water Association (IWA). 
 

Juan Lema acompañado do reitor da BUCT
Juan Lema acompañado do reitor da BUCT
Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.10.2024.