Ir o contido principal

O LaboraTE, peza clave no consorcio que asesora a Comisión Europea para a innovación agraria e rural

Francisco Fraga e David Miranda deron a benvida aos integrantes do comité
Francisco Fraga e David Miranda deron a benvida aos integrantes do comité
A USC a través do seu Laboratorio do Territorio acolle no Campus de Lugo a xuntanza do comité de dirección da EU CAP Network Support Facility integrado por 18 organizacións de 15 países
Lugo

O comité de dirección da EU CAP Network Support Facility, consorcio de 18 organizacións de 15 países que dá apoio á Comisión Europea para dinamizar e facilitar o intercambio de coñecemento e a innovación no ámbito agrario e rural, reuniuse este xoves 16 no edificio CACTUS do Campus de Lugo. A USC forma parte do consorcio a través do Laboratorio do Territorio (LaboraTE) liderado polo profesor David Miranda, quen participou no acto de apertura da xornada acompañado polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga.

Formar parte deste consorcio, permítelle á USC un contacto directo e mellor coñecemento dos órganos responsables en materia de I+D+i agrario da Comisión Europea e, por extensión, mellor coñecemento da Política Agraria Común. Esta circunstancia abre novas oportunidades de traballo en rede e colaboración para o entorno investigador do Campus Terra e contribúe a situar a USC como referente en materia agraria en Galicia, e tamén no Estado, “non só a nivel de investigación, senón particularmente como actor facilitador no ecosistema de innovación agraria”, explican dende o LaboraTE.

A EU CAP Network Support Facility apoia a CE no relativo á Asociación Europea para a Innovación ‘Agricultura Produtiva e Sostible’ (EIP AGRI no seu acrónimo en inglés). Esta é unha iniciativa no marco da Política Agrícola Común, que busca apoiar os Estados membros e resto de actores do mundo agrario e rural europeo a unha aplicación máis efectiva dos instrumentos de coñecemento e innovación de dita política.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2025.