Ir o contido principal

Lanzan un concurso de ideas e proxectos que impulsen a circularidade na economía azul e verde

O concurso formula diversas categorías para presentar proxectos ou ideas
O concurso formula diversas categorías para presentar proxectos ou ideas
O prazo para participar no certame ‘Emprende Circular Azul e Verde’ remata este 18 de decembro

A Universidade de Santiago lanza o concurso de oportunidades de negocio ‘Emprende Circular Azul e Verde’ coa finalidade de identificar ideas e proxectos que impulsen a circularidade na economía azul e verde. Trátase de identificar 16 oportunidades de negocio de entre as cales serán premiadas as 8 mellores, que poderán desenvolver un vídeo profesional que permita a divulgación das súas iniciativas. As inscricións pódense realizar de forma individual ou en grupo ata o 18 de decembro.

O concurso ‘Emprende Circular Azul e Verde’ está dirixido a calquera persoa ou entidade que queira presentar unha idea ou proxecto que incentive a circularidade da economía verde e azul: empresas con novas liñas de negocio innovadoras, startups, persoas autónomas, estudantes, mozos e mozas...

As persoas participantes deberan presentar a súa candidatura tendo en conta categorías previstas nas bases como, por exemplo, a reutilización de recursos do mar e a xestión forestal, agraria e agrícola; as enerxías renovables (biomasa procedente de actividades mariñas, agrarias e a silvicultura e biocarburantes de materias biolóxicas mariñas, vexetais ou animais, etc.; a  bioconstrución; o turismo mariñeiro e costeiro ou de espazos naturais e forestais; e a formación e servizos para a circularidade da economía azul e verde. Tamén poderán presentar a súa candidatura categorías transversais como emprendemento feminino, social ou en plataformas dixitais. No caso de que as persoas participantes precisasen apoio poden contactar coa organización no correo usc [at] es-factory.eu (usc[at]es-factory[dot]eu).

Esta actividade forma parte do proxecto 0259_ES_FACTORY_1_E, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco de programa Interreg VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.12.2024.