A linguaxe xurídica será obxecto de análise nun curso de verán da USC en Relacións Laborais

A análise e o estudo da linguaxe xurídica a partir da casos reais centra a temática do curso de verán da USC ‘ A linguaxe xurídica a partir da experiencia práctica’, que se desenvolverá do 6 ao 10 de xuño na Escola Universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo.
A avogada Marta Peraleda Viñas será a encargada de guiar as distintas sesións programadas nas tres primeiras xornadas deste foro estival, durante as que se tratarán cuestións relacionadas coa linguaxe xurídica formal, análise e redacción de textos xurídicos, modernización da linguaxe xurídica administrativa e exposición en público. A visita ao Colexio de Avogados de Lugo e a asistencia a un xuízo nos Xulgados de Lugo son outras das accións formativas incluídas no programa deste curso da Universidade de Verán da USC, no marco do que tamén intervirán como relatores o maxistrado do Tribunal de Xustiza de Galicia Ricardo Ron e os avogados Antonio García Rojo e Diego Vilanova, ademais da psicóloga xurídica forense Teresa Hermo. As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste seminario formativo, que está estruturado en 25 horas lectivas e non conta con límite de prazas, poden facelo a través da web da Universidade de Verán 2016 da USC, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste curso, para o que está aberta a matrícula.