O lingüista responsable do Corpus do Portugués visita a USC convidado polo Instituto da Lingua Galega
O profesor Michael Ferreira, da Universidade de Georgetown, visita estes días a Universidade de Santiago de Compostela por convite do Instituto da Lingua Galega (ILG) e do Grupo de Investigación Filoloxía e Lingüística galega do Departamento de Filoloxía galega da USC. Ferreira é responsable, xunto co profesor Mark Davis, do Corpus do portugês, un proxecto de corpus de máis de 45 millóns de palabras financiado polo National Endowment for the Humanities.
Hoxe mércores participa nunha sesión cos investigadores do ILG sobre a cuestión ‘Preservación e acceso: Transcrición semi-paleográfica e novas ferramentas informáticas para a accesibilidade por internet’. Neste seminario tratará dos problemas que para o filólogo, o lingüista e o informático crean os sistemas de transcrición electrónica de textos e a etiquetaxe.
Na xornada presentará unha nova ferramenta para a representación de transcricións semi-paleográficas e discutirá como este proxecto se encaixa dentro do Corpus do Português e do Dicionário do Português Antigo, que Ferreira dirixe actualmente, ademais de ser editor de moitos textos do portugués antigo, entre eles a tradución portuguesa do Libro de Marco Polo (1502).