Ir o contido principal

Lugo converterase do 4 ao 6 de xuño no epicentro da análise sensorial

Xuízas adestradas realizando unha cata de queixos. Foto: Tastelab
Xuízas adestradas realizando unha cata de queixos. Foto: Tastelab
A inscrición neste congreso internacional pode formalizarse ata o 21 de maio
Lugo

A sexta edición do Congreso da Asociación Española de Análise Sensorial (AEPAS) desenvolverase na capital lucense entre o 4 e o 6 de xuño. Baixo o lema ‘A fusión entre sentidos e datos’, neste foro conflúen ciencia, industria e tecnoloxía para afrontar grandes desafíos empresariais desde a perspectiva sensorial. Durante tres días, exploraranse as posibilidades de aplicar a análise a través dos sentidos e a intelixencia artificial no desenvolvemento de produtos, a experiencia de uso e a toma de decisións baseada en datos. A inscrición neste congreso internacional pode formalizarse ata o 21 de maio con tarifas reducidas para estudantes. Ademais, convocouse un concurso de resumos científicos, do que sairán dous traballos premiados.

A sexta edición do Congreso AEPAS contará coa participación de persoal investigador das universidades españolas, así como representantes do CSIC, “consolidando o seu papel como o principal espazo de reflexión e avance nesta disciplina”, tal e como explican dende a organización do evento. Xunto a eles, estarán presentes entidades tractoras do ecosistema de innovación como CLUSAGA e unha destacada representación do tecido industrial estatal e galego. O Congreso reunirá empresas líderes como Innolact, Martín Códax, Viña Costeira, Estrella Galicia e Nova Pescanova, así como referentes a nivel estatal como CAPSA, Congelados de Navarra, Ametller Origen, Grupo Carinsa e Pascual, entre outras. “Esta pluralidade de sectores e experiencias enriquecerá o intercambio de ideas e fomentará novas sinerxías entre a academia, a industria e as institucións”, sinalan.

Ademais de conferencias maxistrais, mesas redondas e relatorios científicos, o programa incluirá sesións de cata, talleres prácticos e espazos de networking deseñados para propiciar a colaboración e o nacemento de novos proxectos. Tamén se desenvolverán actividades sociais, gastronómicas e unha visita guiada pola cidade de Lugo, que permitirán ás persoas participantes gozar da contorna mentres fortalecen a comunidade profesional da análise sensorial.

O evento está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, representada polas profesoras Mª Ángeles Romero e Mª Lourdes Vázquez, tamén cofundadoras e impulsoras de TasteLab, empresa de base tecnolóxica da USC, especializada en análise sensorial, que tamén organiza o evento con Maruxa Quiroga como presidenta do comité organizador. De feito, TasteLab, spin-off da USC, é un referente estatal na avaliación sensorial de produtos de consumo, traballando tanto con paneis adestrados como con consumidores e ofrecendo o seu propio software de xestión de datos sensoriais para empresas, universidades e outros organismos.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2025.