Mar Lorenzo traballará “para consolidar a identidade” de Ciencias da Educación cunha “clara folla de ruta”

A nova decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mar Lorenzo, tomou posesión do seu cargo este xoves 16 en “representación de todo un equipo ilusionado e entusiasta”. Así o afirmou no acto institucional presidido polo reitor Antonio López e no que tamén interviñeron a secretaria xeral da USC, Dulce García Mella, quen deu lectura ao nomeamento, así como a decana saínte, Carmen Fernández Morante, quen pronunciou un discurso de agradecemento dirixido ao conxunto da comunidade do centro logo de oito anos de mandato. No acto estivo presente Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Antonio López dixo que este centro é unha peza fundamental para un servizo esencial como é a educación para a sociedade do benestar. Este é un centro consolidado en docencia e investigación, e comprometido con proxectos sempre novos, engadiu o reitor, quen agradeceu o compromiso da anterior decana e tamén o de Mar Lorenzo, da que subliñou a súa capacidade de traballo e a súa vontade de construír e traballar polo ben común. O reitor tamén anunciou a licitación inminente da redacción do concurso de ideas para a futura sede de Ciencias da Educación.
Antonio López fixo tamén referencia á recente incorporación da USC en EUniWell que inclúe, entre as súas liñas, un eixo fundamental relacionado coa formación de profesionais da educación e que conta entre os seus proxectos cunha iniciativa para crear un espazo europeo de formación de mestres/as no que compartir experiencias e coñecemento neste eido.
Conectada coa sociedade
“Temos unha clara folla de ruta, aberta a novas incorporacións e matizacións que sairán do traballo diario e da reflexión mancomunada que como universitarios e universitarias debemos acometer”, afirmou a profesora Lorenzo no seu discurso de toma de posesión. “Cómpre, pois, seguir traballando para consolidar a identidade da Facultade de Ciencias da Educación tanto dende unha perspectiva interna coma externa á universidade”, dixo.
A nova decana puxo o foco en que Ciencias da Educación é un centro con 200 anos de historia e con “conciencia da nosa responsabilidade social, ao depositarse en nós a confianza de formar os profesionais que deben fornecer un dos piares do noso sistema de benestar social, a educación”.
Un dos obxectivos deste novo mandato consistirá en alentar proxectos que permitan o diálogo bidireccional constante coa comunidade, fomentando a maior presenza de profesionais da educación no proxecto formativo da Facultade, favorecendo o desenvolvemento de metodoloxías activas, a apertura das accións de formación e investigación á contorna e situando o Prácticum e as prácticas de campo no eixo destas accións. O fomento da participación do alumnado nos distintos órganos da Facultade foi outro dos puntos abordados por Mar Lorenzo, quen tamén subliñou a necesidade de facilitar o achegamento do estudantado á realidade social e laboral na que terán que desenvolverse como profesionais.
Investigación
No capítulo relativo á actividade investigadora, Mar Lorenzo puxo en valor os programas de doutoramento que se imparten no centro, “entre os máis demandados non só da USC, senón do panorama nacional e que teñen unha clara vocación internacional”. Ademais, a nova decana lembrou que Ciencias da Educación leva captado máis de dous millóns de euros dende o ano 2018, no marco de proxectos competitivos. Neste senso, a catedrática aproveitou o seu discurso para reivindicar un novo edificio que contribúa a mellorar as sinerxías de colaboración. O papel fundamental deste centro na preservación da lingua e cultura galegas foi outro dos aspectos nos que se detivo a decana.
O novo equipo de goberno estará conformado polos vicedecanos Belén Castro Fernández, José Eugenio Rodríguez Fernández, María López Sández, Lorena Casal Otero e Jesús García Álvarez como secretario.
Fernández Morante
A decana saínte quixo agradecer na súa intervención “o apoio, a comprensión e a corresponsabilidade, en diferente medida, achegada ao equipo saínte”, peza clave “para conseguir os importantes logros que este centro acadou na etapa que pechamos”, dixo. “A Facultade de Ciencias da Educación da USC cuxo liderado asume nesta nova etapa a decana Mar Lorenzo é o resultado dunha construción colectiva e diversa de todas e cada unha das persoas que a integramos que se fraguou nestes anos co traballo docente, investigador e de administración de servizos. A este resultado tentamos contribuír como equipo de dirección saínte coa vosa axuda”, afirmou.
Traxectoria
Mar Lorenzo Moledo é profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación. Pertence ao Grupo de Investigación ESCULCA da USC (Grupo de Referencia Competitiva do Sistema Galego de I+D+i) que obtivo o 1º Premio Nacional de Investigación Educativa 2007 co Proxecto ‘Familias inmigrantes en Galicia: a dimensión socio-educativa da integración’ (SEJ2004-05967) do que foi Investigadora Principal. Ademais, este grupo obtivo o terceiro Premio Nacional de Investigación en 2003 cun proxecto, no que participou como investigadora, sobre aprendizaxe cooperativa en centros educativos. Tamén recibiu o Premio María Barbeito de Educación en Galicia á Investigación Pedagóxica na súa terceira edición polo traballo ‘O rendemento escolar do alumnado procedente da inmigración en Galicia. Un programa de optimización para familias e centros de ensino’.
As liñas de investigación desta catedrática da USC son educación e pedagoxía intercultural, pedagoxía laboral, pedagoxía penal, educación familiar, e aprendizaxe-servizo e competencias na educación superior. Publicou 17 libros e participou en case medio cento de capítulos de libro. É autora de máis de 70 artigos en revistas de impacto. Ata o ano 2022, foi vicerreitora de Cultura, Servizos e Igualdade da USC.