Ir o contido principal

María José Alonso, doutora honoris causa polas Universidades arxentinas de Córdoba e Bos Aires

María José Alonso, pronunciando a conferencia na Universidade de Córdoba
María José Alonso, pronunciando a conferencia na Universidade de Córdoba
Recoñécenlle as súas achegas pioneiras á nanomedicina, as ciencias farmacéuticas e ás terapias innovadoras
Santiago de Compostela

A catedrática de Biofarmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC acaba de ser investida doutora honoris causa polas Universidades arxentinas de Córdoba e de Bos Aires. Con estes títulos, ao igual que xa fixera a Universidade de Nottingham en 2022, recoñécenlle a súa destacada traxectoria internacional e as súas achegas pioneiras á nanomedicina, as ciencias farmacéuticas e as terapias innovadoras.

Estas distincións súmanse a diversas distincións outorgadas por prestixiosas organizacións científicas internacionais, como a súa elección á Academia Nacional de Medicina de Estados Unidos (NAM, 2016), ao Colexio de Membros do Instituto Americano de Enxeñaría Médica e Biolóxica (AIMBE, 2017), ao Colexio de Membros da Sociedade de Liberación Controlada (CRS, 2018), á Real Academia de Medicina de Bélxica (2021) e á Academia Nacional de Farmacia e Bioquímica de Arxentina (2024). Tamén é membro das Reais Academias de Farmacia de España e de Galicia e da Real Academia Galega de Ciencias.

No marco da cerimonia na Universidade de Córdoba (UNC), presidida polo reitor Jhon Boretto, a institución destacou as achegas científicas e humanas de Alonso: “ten demostrado que a innovación con propósito pode ser unha ferramenta para a equidade e o benestar. O seu liderado abriu portas ás mulleres científicas de todo o mundo, promovendo a igualdade de oportunidades e o acceso equitativo aos espazos de toma de decisións en ciencia e tecnoloxía”.

Neste senso, o recoñecemento da UNC non só valora a súa traxectoria académica, senón tamén os principios que guían o seu traballo: “Curiosidade, rigor, ética e a convicción de que a ciencia é, ante todo, un acto de servicio á sociedade. O seu exemplo lémbranos que o coñecemento, cando se comparte e se transforma en innovación, é unha das forzas máis poderosas para construír un futuro máis xusto, saudable e humano”.

A cerimonia tivo lugar na Aula Magna da Reitoría Histórica, onde a homenaxeada impartiu a conferencia ‘Cara a un novo paradigma terapéutico: a era da nanotecnoloxía farmacéutica”.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2025.