María Teresa Soler Roch e Duarte Nuno Vieira, novos honoris causa da USC

A Universidade de Santiago de Compostela investirá como doutora e doutor honoris causa a María Teresa Soler Roch e Duarte Nuno Vieira, respectivamente, nun acto académico que presidirá o 28 de marzo, ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o reitor Antonio López. Na cerimonia actuará como padriño de Soler Roch o tamén catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, César García Novoa, e de Nuno Vieira o de Medicina Legal e Forense, Ángel María Carracedo Álvarez.
Sores Roche, pioneira en España
María Teresa Soler Roch foi a primeira muller que accede, en 1980, á condición de profesora axudante de Dereito Financeiro e Tributario, na Universidade de Valencia, e a primeira que logra unha cátedra en Dereito Financeiro e Tributario en España.
Profesora da Universidade de Alacante, está considerada como un dos referentes doutrinais do Dereito Tributario en España e Europa. Dela destacan as súas primeiras investigacións, absolutamente pioneiras, sobre a relación dos incentivos fiscais coa xustiza, a igualdade e a libre competencia, precursoras do enfoque que posteriormente consolidaría o Dereito da Unión Europea. Co profesorado de Dereito Financeiro e Tributario da USC, que propuxo a súa candidatura, mantén unha forte vinculación, que se materializa na participación en actividades formativas e de investigación así como en tribunais e comisións de distinta natureza.
Nuno Vieira, referencia mundial
Pola súa banda, o profesor Duarte Nuno Vieira é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Coimbra e presidente da Academia Nacional de Medicina de Portugal, do European Council of Legal Medicine, do Comité Asesor do Tribunal Penal Internacional e do Comité Científico da Academia Internacional de Medicina Legal, que tamén presidiu.
É unha referencia mundial en valoración do dano corporal e patoloxía forense e aspectos humanitarios da Medicina legal e mantén e mantivo unha moi estreita colaboración co actualmente denominado Instituto de Ciencias Forenses da USC (antes Instituto de Medicina Legal) dende os tempos que o dirixía o catedrático Luis Concheiro. Non en van, o profesor da USC foi un dos formadores do profesor Vieira na institución compostelá.
O profesor Duarte Nuno Vieira foi proposto para este nomeamento polo Departamento de Ciencias Forenses, Anatomía Patolóxica, Obstetricia e Xinecoloxía e Pediatría.