A Mariña luguesa avanza cara á transición verde da man da USC

A USC será protagonista activo da transición ecolóxica e medioambiental que prevé realizar a Mariña luguesa no contexto do Pacto Verde Europeo, tal e como se recolle no convenio marco presentado este venres entre o Concello de Burela e a USC para o desenvolvemento de diversas actuacións encamiñadas á protección e posta en valor de diversos recursos naturais e ao desenvolvemento de novos produtos acaídos para frear a degradación ambiental e a avanzar na loita contra o cambio climático.
A planificación e deseño de hortos urbanos nas rúas de Burela, a creación dun arboreto, a xeito de xardín botánico no Monte Castelo, onde tamén se prevé a posta en marcha dun observatorio, a recuperación dos bosques de ribeira dalgún dos cursos fluviais que descorren polas terras deste municipio mariñán, a análise científica e conseguinte protección dunha variedade local de castiñeiro que semella resistente aos efectos do fungo da tinta ou o desenvolvemento de biochar, unha sorte de carbón vexetal apto para empregar como enmenda para os solos, a partir de algas mariñas e refugallos de piscifactoría, son algunhas das iniciativas que agardan poder desenvolverse como proxectos ao abeiro deste convenio. O alcalde do Concello de Burela, Alfredo Llano foi o responsable de ratificar o acordo coa USC no marco dunha sesión na que participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e os catedráticos do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría e investigadores do grupo Sistemas Silvopastorais da USC, Antonio Rigueiro e Rosa Mosquera.
Esta nova liña de colaboración establecida entre o concello burelés e o Campus Terra da USC nace tamén coa vontade de estender aos 14 concellos que conforman a comarca da Mariña luguesa, segundo se puxo de manifesto na presentación dun convenio que nace sen dotación orzamentaria, pero que progresivamente se irá dotando de recursos económicos para acometer as diversas actuacións previstas.
Os catedráticos da USC Antonio Rigueiro e Rosa Mosquera salientaron o interese das primeiras actuacións propostas no marco desta colaboración, dado que se trata de accións orientadas á valorización de recursos naturais que contribuirán a mellorar o grao de benestar da cidadanía, ao tempo que poden actuar como elementos de potenciación do interese turístico da comarca e, por tanto, de reactivación económica. Neste senso Rigueiro comentou que, alén da dimensión estética, a xardín botánico proxectado no Monte Castelo, a recuperación de bosques de ribeira serán novos resorte de atracción turística. Asemade, este investigador comentou que, de confirmarse a resistencia da variedade de castiñeiro existente en Burela ao fungo da tinta, a creación dun reservorio xenético e o posterior emprego desta planta reportaría importantes vantaxes para o medio ambiente e tamén para os produtores de castaña.
O desenvolvemento de biochar a partir de algas mariñas e refugallos de piscifactoría é outra das actuacións máis ambiciosas contempladas neste acordo entre Concello de Burela e USC. A catedrática Rosa Mosquera avanzou neste senso que xa está presentada a solicitude de financiamento europeo para o desenvolvemento deste proxecto ao abeiro da estratexia Europa 2030.
