Martín Fañanás Mastral, galardoado coa Medalla José Barluenga do GEQOR

O profesor e investigador da USC Martín Fañanás Mastral acaba de ser recoñecido coa Medalla José Barluenga que outorga o Grupo Especializado de Química Orgánica (GEQOR) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ). Recoñécenlle así a Fañanás, investigador Oportunius e actual director adxunto do CiQUS, a súa excelencia investigadora no campo da Química Orgánica e fano cun galardón que leva precisamente o nome do seu director de tese, “algo que me fai especial ilusión”, asegura.
Martín Fañanás Mastral doutorouse en Química pola Universidade de Oviedo en 2007 baixo a dirección dos profesores J. Barluenga e F. Aznar. En 2009 uniuse ao grupo do profesor Ben L. Feringa na Universidade de Groningen (Países Baixos) como investigador posdoutoral. Cinco anos máis tarde incorporouse como investigador Ramón y Cajal ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da USC, acadando en 2021 a súa praza como profesor titular. Actualmente é Oportunius Research Professor.
No seu haber, o profesor Fañanás conta co Thieme Chemistry Journal Award (2015), co premio de Novos Investigadores da RSEQ en 2016 e co Lilly para Investigadores Novos en 2018. Na convocatoria de 2019, recibiu unha Consolidator Grant concedida polo Consello Europeo de Investigación (ERC). A súa investigación céntrase no desenvolvemento de novas metodoloxías catalizadas por complexos de metais de transición que permitan levar a cabo transformacións sostibles e de alta eficiencia atómica orientadas á formación enantioselectiva de enlaces C-C, e a activación e funcionalización de hidrocarburos.
As medallas do GEQOR concédense anualmente co obxectivo de recoñecer a traxectoria e contribución científica de persoal investigador que desenvolve a súa actividade en institucións españolas, en cada unha das tres grandes etapas da carreira científica: consolidación, madurez e recoñecemento internacional. Neste contexto, a Medalla José Barluenga distingue o labor de investigadores que, tras unha primeira etapa de investigación independente, deron un salto cualitativo de excelencia, con polo menos quince anos desde a defensa da súa tese. Xunto a Fañanás, tamén foron recoñecidos Carlos Valdés Gómez (Universidade de Oviedo), coa Medalla Fèlix Serratosa, e José Alemán Lara (Universidade Autónoma de Madrid), coa Medalla Ignacio Ribas.