Ir o contido principal

A medición da calidade do aire permitirá avanzar cara a unha mobilidade máis activa na USC

Javier Rico e Faustino Gómez con representantes de Composcleta. FOTO: Santi Alvite
Javier Rico e Faustino Gómez con representantes de Composcleta. FOTO: Santi Alvite
En colaboración coa asociación Composcleta, un grupo de persoas voluntarias utilizará un medidor de partículas PM2,5 mentres viaxan en bicicleta
Santiago de Compostela

A USC acaba de sumarse ao proxecto Cycling with Clean Air co que se pretende avaliar a calidade do aire en tempo real a través da medición de partículas PM2,5. En colaboración coa asociación Composcleta, un grupo de persoas voluntarias utilizarán un medidor Airbeam3 que rexistrará os datos mentres viaxan en bicicleta. Esta actividade entronca directamente coa vontade da institución compostelá de “promover unha mobilidade activa”, subliñou o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico. Esta é unha actividade piloto que coincide no tempo co proxecto, por parte da institución compostelá, de crear un sistema de préstamo de bicicletas. “Esta actividade permitiranos non só coñecer o nivel de calidade do aire, senón tamén loitar contra o cambio climático e reducir o uso de coches”, engadiu Javier Rico.

No conxunto do Estado, son un total de 18 cidades as que xa se sumaron a esta iniciativa. Os informes permitirán á Universidade tomar medidas de redución de emisións e de fomento da mobilidade activa e saudable. Cos datos obtidos, a USC pode facer estudos e reforzar, deste xeito, o seu ámbito académico e investigador. Esta iniciativa de ciencia cidadá achegará, pola súa parte, ás autoridades datos complementarios aos que dispoñen procedentes das estacións fixas.  Así poderá manexarse máis información da calidade do aire sobre os centros urbanos que facilitará o desenvolvemento dos plans de mobilidade sostible e definición de zonas de baixas emisións.

A partir dos datos rexistrados, procederase á elaboración, por parte de Cycling with Clean Air, dun informe global sobre a calidade do aire nas medicións nas cidades españolas seleccionadas, así como á elaboración de informes parciais. Tamén se acometerá unha proposta xeral de recomendacións para as zonas de baixas emisións. O profesor do departamento de Física de Partículas, Faustino Gómez Rodríguez, destaca que esta é unha iniciativa “feita polos cidadáns para os cidadáns”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.03.2023.