Ir o contido principal

Melloran a Intelixencia de Negocio mediante técnicas de intelixencia artificial

As primeiras computadoras utilizábanse como máquinas de cómputo avanzadas para a resolución de problemas científicos e industriais. A súa evolución e a capacidade para replicar a intelixencia recollida nos procesos permitiu a súa implicación na automatización da capacidade de planificación humana. A tese de doutoramento de Juan Carlos Vidal Aguilar profunda neste aspecto co desenvolvemento da solución OPENET, un motor de execución de fluxos de traballo (utilizados para representar procesos e plans) que permite integrar coñecemento formal acerca dos procesos, ben proporcionado por expertos humanos ou ser aprendido automaticamente. Os fluxos de traballo permiten a planificación da Intelixencia de Negocio e a coordinación do desenvolvemento de tarefas na industria. Co título 'OPENET4WF: Marco de coñecemento para modelar fluxos de traballo formalizados usando redes de Petri' e dirixida por Alberto Jose Bugarin Diz e Manuel Lama Penín, a tese foi merecedora da cualificación de Sobresaliente cum laude que lle outorgou o tribunal que a xulgou este venres na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago. OPENET fai uso das tecnoloxías da Web Semántica (web 2.0) para estender o modelo clásico de fluxos de traballo e facilitar así a súa aplicación en dominios onde a coordinación de actividades é complexa e o número e tipo de participantes moi elevado. Os resultados da tese de doutoramento foron aplicados con éxito en diferentes eidos, permitindo a mellora do scheduling e presupostado en procesos de fabricación industrial e a integración de servizos web (SOA) nas novas tecnoloxías da web semántica. Ademais utilizouse para o desenvolvemento de aplicacións de aprendizaxe adaptativo en e-learning, que poden ser integradas con mundos virtuais (Second Life). En palabras dos investigadores, “OPENET é unha arquitectura totalmente escalable que pode acelerar dramaticamente o desenvolvemento de calquera tipo de solución empresarial que descanse dalgún xeito, nalgún tipo de planificación”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.07.2010.