Ir o contido principal

A mesa redonda sobre o conflito palestino-israelí debuxa un horizonte pesimista pola falta de solucións

Ghaleb Jaber Ibrahim, esquerda, García Soto, De Donato, Murias, Sara Ashour, Losada e Núñez. FOTO: Fundación Araguaney
Ghaleb Jaber Ibrahim, esquerda, García Soto, De Donato, Murias, Sara Ashour, Losada e Núñez. FOTO: Fundación Araguaney
A actividade foi organizada pola USC e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas para ofrecer unha análise multidisciplinar da situación en Oriente Próximo

A mesa redonda sobre o conflito palestino-israelí organizada pola USC, a través da Comisión para o desenvolvemento de accións prol da comunidade universitaria de Palestina –impulsada polo seu Reitorado e a Facultade de Filosofía– e Fundación Araguaney-Puente de Culturas debuxou este mércores un horizonte pesimista pola falta actual de solucións actual. O evento, co título ‘Miradas complementarias. Unha análise multidisciplinar do conflito palestino-israelí en Oriente Próximo’  foi inaugurado na Facultade de Filosofía pola vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias; o decano da Facultade de Filosofía, Xavier de Donato; e o codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Axuda Humanitaria (IECAH), Jesús Núñez.

A xornada comezou co panel de debate ‘As pezas do conflito. Elementos históricos, sociopolíticos e ético-filosóficos’, que moderou Jesús Núñez. Nel participaron o profesor de Historia Contemporánea, Antonio Míguez Macho; o de Ciencia Política e da Administración, Antón Losada; e o de Filosofía Moral e Política, Luís García Soto, todos eles da USC. De modo xeral, os profesores coincidiron en que hoxe o conflito non ten solución e recoñeceron un horizonte pesimista.

Dinámicas internacionais
Jesús Núñez manifestou que a comunidade internacional demostrou unha “incapacidade notable” na solución do conflito a curto prazo. “A visión iluminada de Israel pasa por ocupar toda a terra entre o río Xordán e o mar Mediterráneo, negando algún futuro nesa terra aos palestinos” -engadiu-. Míguez situou o conflito, “netamente contemporáneo”, no último cuarto de século. “Hai que buscar as súas causas máis alá de Hamás e ter en conta na análise a influencia das dinámicas internacionais” -apuntou.

“A suposta débeda histórica co pobo xudeu en referencia ao Holocausto está pagada”, afirmou Losada, que falou tamén da necesidade de ter en conta no estudo do conflito as dinámicas internas de Hamás e de Israel. Pola súa parte, García Soto  asegurou que a sociedade israelí non é homoxénea e apelou á esperanza na disidencia israelí á hora de parar a guerra.

Activismo
O segundo panel de debate, ‘A loita pola causa palestina dende a sociedade civil organizada e o activismo’, foi moderado pola profesora de Antropoloxía Social da USC, Guadalupe Jiménez Esquinas. Tomaron parte o empresario e presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim; a doutora en Comunicación e Conflito pola Universidade Carlos III e defensora dos dereitos humanos, Leila Nachawati; e a representante da Asociación Galaico Árabe Jenín e activista Sara Ashour.

Esta iniciativa da USC e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas promóvese no marco do protocolo de colaboración asinado entre ambas entidades o pasado 18 de xullo, que contempla a realización de actividades encamiñadas á formación, divulgación, investigación ou á sensibilización social da cidadanía e da comunidade universitaria.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2024.