O mito de Antígona, “unha poderosa e inquietante metáfora da realidade histórica de cada país”

O percorrido que Antonella Sturla Meilán realizou por obras que retoman o mito de Antígona para actualizalo na ritualidade teatral acaba de ser recoñecido no marco dos galardóns que anualmente outorga a Fundación Academia Europea e Iberoamericana de Yuste a teses de doutoramento que aborden as relacións entre España, Portugal ou Europa, no seu conxunto, con Iberoamérica e viceversa. A análise realizada evidenciou que, en cada unha das obras que integraron o corpus, a actualización do mito “funcionou como unha poderosa e inquietante metáfora da realidade histórica de cada país”.
A investigadora dá conta na súa tese de doutoramento de como a historia de Latinoamérica e España está marcada por gobernos ditatoriais, violencias e exilios. Eses contextos provocaron a existencia “dunha vigorosa tradición” de persoas que se dedican á dramaturxia, colectivos teatrais e directores e directoras cunha forte identidade política. As versións de Antígona —filla do rei Edipo— latinoamericanas e españolas xa non viven en Tebas e a súa acción adoita situarse en coordenadas espazotemporais específicas. “Esa recontextualización resignifica o relato e transfórmao nunha mordaz denuncia da realidade política de cada país”, destaca.
Para demostrar a devandita afirmación, a investigación profunda na figura de Antígona como mito matriz na obra de Sófocles e a versión de Bertolt Brecht como texto paradigmático “por configurar unha poética revolucionaria que proclamaba a emancipación espectatorial”. Posteriormente, traballáronse as nocións de mito, teatralidade e historia en cada unha das versións, analizouse o contexto histórico de produción, levouse a cabo un estudo comparativo de cada unha das obras e observouse o modo en que se articula a tríada temática poder-resistencia-memoria.
Ademais de Sófocles e Brecht, analizáronse as obras Antígona Vélez de Leopoldo Marechal (Argentina, Buenos Aires, 1951), La pasión según Antígona Pérez (Puerto Rico, 1968), Antígona Furiosa de Griselda Gambaro (Argentina, Buenos Aires, 1986), Antígona de José Watanabe (Perú, 1999), Antígona de José María Pemán (España, 1946), La tumba de Antígona de María Zambrano (España, 1967), Creón ... Creón de X. M. Rodríguez Pampín (España, Galicia, 1975), Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca (España, Galicia, 1981) e Antígona, a forza do sangue de María Xosé Queizán (España, Galicia, 1989).
Imaxinario social
A investigación defende que “o teatro podería pensarse como un documento ou un arquivo fragmentario do horror, dado que escenifica o imaxinario social que revela o modo en que unha determinada colectividade interpretou a súa historia e asumiu unha posición fronte a ela”. En cada unha das obras analizadas, conclúe a autora, existe a intención de representar, ou polo menos, “aludir a esa historia aberrante e dolorosa, estimulando lecturas posibles que esgrimen un espazo de resistencia para que as inxustizas do pasado non sexan invisibilizadas, silenciadas e para que os crimes non permanezan impunes”. Neste sentido, as versións de Antígona representan algo máis que unha adaptación da obra de Sófocles porque simbolizan “unha profanación no sentido máis provocativo do termo”.
Tal e como explica Antonella Sturla Meilán, “aquilo que criamos enterrar sae á luz e esa luminosidade expón a nosa cegueira”. O teatro transfórmase entón nun instrumento de memoria que loita contra a amnesia colectiva e a indiferenza, enfrontando á sociedade coas súas feridas abertas, e lonxe de suturalas, convida as persoas espectadoras a interpretar e a dotar de sentido esas experiencias dolorosas, asumindo ou negado a súa responsabilidade no curso dos acontecementos. O teatro non só se presenta nestes casos como un espazo de coñecemento ligado á conservación da memoria histórica dunha comunidade, senón que tamén reafirma o seu aspecto catárquico, xa que “posibilita reconstruír os lazos sociais destruídos e restaurar a dignidade arrebatada aos sobreviventes e ás vítimas que foron vulneradas”. A tese, dirixida polas profesoras da USC na Facultade de Humanidades, Ana Cabana Iglesia e María Xesús Nogueira Pereira, obtivo un accésit e o xurado valorou tanto a calidade científica, como literaria, da obra.