Ir o contido principal

Os modelos de xestión do libro galego centran unha xornada de xestión e mediación cultural en Humanidades

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A inscrición neste foro, que se desenvolverá o xoves 14, é libre e pode formalizarse de balde a través do enderezo electrónico fhdeca@usc.es

Os modelos de xestión do libro galego centrará a temática da sétima edición da Xornada de Xestión e Mediación Cultural, un foro que se desenvolverá o 14 de decembro, a partir das 10.00 horas, na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC.

O obxectivo destas xornadas, promovidas pola Facultade de Humanidades en colaboración coa Vicerreitoría de Servizos Universitarios do campus de Lugo, pasa por achegar aos alumnos e alumnas de grao e máster da Facultade de Humanidades aquelas iniciativas recentes que, lideradas por xente nova e á marxe das grandes editoriais históricas, enfrontan os desafíos do mercado editorial do país: producir libros convincentes e queridos, vender e divulgar libros, financiar a publicación de libros.

A inscrición nesta xornada monográfica, orientada a alumnado, pero tamén a docentes e calquera outra persoa interesada no mundo da cultura, é gratuíta e pode formalizarse a través do enderezo electrónico fhdeca [at] usc.es (fhdeca[at]usc[dot]es). A vicerreitora Carme Silva e a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, abrirán ás 10.00 horas este foro monográfico sobre os modelos de xestión do libro galego, un evento que se prolongará en quenda de mañá e tarde.

Estruturada en mesas de debate e obradoiros prácticos, a VIII Xornada de Xestión e Mediación Cultural da Facultade de Humanidades comezará cun táboa redonda sobre novos editores e editoras, modelos de negocio e novos mercados. Antía Otero, de Apiario; Xosé Antom Serem, de Através Editora; Isidro Dozo Valladares, de Catro Ventos, e Antón Lopo, de Chan de Pólvora, completan a relación de relatores que participarán nesta sesión.

As librarías tradicionais con xente nova á fronte será a temática da última sesión matinal da xornada. Neste caso, intervirán como relatores Antón Lopo, da Libraría Chan de Pólvora, Ángeles Valdés, de Gato Neghro; Gloria Fuertes, de Lectocosmos, e Carlos Coira, da Libraría Trama.

A xornada continuará en quenda de tarde cunha sesión sobre estratexias de financiamento editorial desde unha perspectiva práctica. Ao remate deste foro desenvolverase un obradoiro de micromecenados para proxectos editoriais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2017.