Ir o contido principal

A mostra 'Alfredo Brañas Menéndez XIX-XXI’, un diálogo entre dúas épocas 125 anos despois da morte do intelectual rexionalista

A mostra lanza unha ollada á figura e obra de Alfredo Brañas desde o século XXI. FOTO: Santi Alvite
A mostra lanza unha ollada á figura e obra de Alfredo Brañas desde o século XXI. FOTO: Santi Alvite
A exposición pode visitarse ata o 15 de xaneiro no Claustro Alto do Colexio de Fonseca

A mostra 'Alfredo Brañas Menéndez XIX-XXI. 125 anos do seu pasamento' chega ao Claustro Alto do Colexio de Fonseca para, en palabras da comisaria e profesora da USC, Belén Trigo, “buscar e descubrir os aspectos menos tratados” da figura deste intelectual rexionalista e “establecer un diálogo entre dúas épocas”, o século XIX e as primeiras décadas do século XXI. A exposición que pode visitarse ata o 15 de xaneiro de 2026 conta cunha mostra bibliográfica con obras do autor e sobre o autor, documentos que obran no poder da USC, e 16 paneis que profundan en diversos aspectos da súa figura.

Ademais da comisaria, interviñeron no acto inaugural que tivo lugar este venres 12, a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e Juan Andrés Bayón da Fundación Alfredo Brañas. Pilar Murias puxo en valor os fondos da USC que integran a mostra e destacou que este tipo de actividades permiten “manter vivas as nosas bibliotecas e o noso arquivo”. Pola súa parte, Juan Andrés Bayón reivindicou que Alfredo Brañas “puxo en valor a Galicia no contexto nacional”.

A mostra lanza unha ollada á figura e obra de Alfredo Brañas desde o século XXI, detense nos seus principais fitos biográficos, aborda a decadencia das estruturas do antigo réxime, a revolución xurídica e o cambio económico e demográfico, o papel do intelectual no Rexurdimento, o seu rol no seo da USC, a proposta rexionalista de Brañas, e profunda en como o autor concibe o futuro de Galicia, alén de abordar temáticas como o feminismo, a familia, a industrialización, ou a cuestión da terra dende distintas perspectivas.

Ideólogo

Alfredo Brañas Menéndez (Carballo, 1859 – Santiago de Compostela, 1900) foi un xurista, escritor e ideólogo do Rexionalismo galego. Entre as súas obras, destaca a publicación, en 1889, de El Regionalismo. Estudio sociológico, histórico y literario. En 1890 participa na creación da Asociación Regionalista Gallega e en 1892 redacta Las Bases generales del Regionalismo y su aplicación a Galicia.

Os seus intereses abranguían o pensamento político e xurídico, a economía, a literatura, a historia e a cultura popular, tal e como reflicte a súa obra. Ademais da súa actividade profesional e académica, colaborou con diversos xornais da época, alén de formar parte do Rexurdimento, movemento rexionalista, cultural e literario, que aspiraba á recuperación da lingua galega.

Figura relevante da Universidade de Santiago de Compostela, pronunciou o discurso de apertura do curso 1892-93 titulado ‘La Crisis económica en la época presente y la descentralización regional’. Participou ademais dun momento de transformación da Universidade que afectou a súa administración e a docencia universitaria. 

A mostra enmárcase no Outono Cultural da USC e conta co apoio da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, a Fundación Alfredo Brañas, a Fundación Castelao, e está dotada con fondos da Biblioteca Universitaria e o Arquivo Histórico Universitario da USC. 
 

De esquerda a dereita, Juan Andrés Bayón, Pilar Murias e Belén Trigo. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Juan Andrés Bayón, Pilar Murias e Belén Trigo. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2025.