Ir o contido principal

Unha mostra en Fonseca convida a pensar a Rosalía ‘científica’

A mostra pode visitarse ata o 30 de maio no Claustro Alto do Colexio de Fonseca
A mostra pode visitarse ata o 30 de maio no Claustro Alto do Colexio de Fonseca
A exposición arredor das inquedanzas científicas da autora e a plantación dun érbedo reivindican o seu “ingreso simbólico con honores na USC”

Unha mostra expositiva e a plantación dun érbedo no xardín de Fonseca escenificarán este mes de abril o “ingreso simbólico, con honores” de Rosalía de Castro no claustro da USC, nunha iniciativa da cátedra homónima dedicada á autora galega e “mestra literaria”. Estas propostas exploran as inquedanzas da escritora e a súa “participación das ideas xeradas dende a Universidade, incluídas as científicas e, máis especificamente, as botánicas”, explica a co directora da Cátedra, a profesora María do Cebreiro Rábade Villar.

Precisamente da man do Museo de Historia Natural da USC e co financiamento da Fundación BBVA, a exposición ‘Rosalía e Fonseca’ é un achegamento ás inquedanzas científicas da autora, quen aínda que non puido cursar estudos universitarios tivo oportunidade de acceder na adolescencia á instrución musical, dramática, literaria e pictórica recibida como froito da súa vinculación aos círculos progresistas do Liceo de la Juventud.

A mostra, que poderá visitarse ata o 30 de maio no Claustro Alto do Colexio de Fonseca, inaugurouna este mércores o reitor da Universidade, Antonio López Díaz, nun acto no que tamén interviñeron a comisaria da mostra e directora da Cátedra Rosalía de Castro, María do Cebreiro Rábade Villar; o co director da Cátedra, Fernando Cabo Aseguinolaza, e o responsable das coleccións do Museo de Historia Natural, Juan Manuel Cutrín.

Dous eixos
A mostra artéllase arredor de dous eixos: Rosalía como coñecedora dos saberes literarios e científicos do seu tempo e Rosalía como obxecto de estudo dos proxectos de investigación desenvolvidos nos últimos anos desde a USC. Para abordar o primeiro, a exposición mergúllase nesa faceta da autora a través dalgúns obxectos científicos dos séculos XIX e XX que forman parte do patrimonio da USC e que permiten poñer en conexión a súa obra cos discursos científicos do seu tempo, por exemplo, no ámbito botánico.

No segundo eixo, e a partir da experiencia literaria achegada polo proxecto Os ollos das árbores, desenvolvido ao abeiro dunha axuda Leonardo da Fundación BBVA, na exposición acada especial relevo a dimensión formativa que deriva do uso da obra rosaliana en distintos niveis educativos, desde a infancia á idade adulta, considerando asemade o peso dunha institución educativa tan relevante como o instituto Rosalía de Castro de Santiago, cuxo estudantado -hoxe presente en Fonseca- participa en actividades de transferencia da investigación relacionadas coa escritora que lle dá nome.

Ademais, a cesión do valiosísimo Fondo María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda á Biblioteca Xeral da USC permite que, por vez primeira, sexan amosados ao público algúns obxectos de coleccionismo rosaliano da ilustre estudosa, tristemente finada, canda algúns dos seus cadernos de investigación e primeiras edicións da obra de Rosalía. Parello a isto, a Biblioteca Xeral abrirá un centro de interese con libros da autora e dos máis destacados rosalianistas do presente para favorecer o seu préstamo.

Para o seu desenvolvemento, este proxecto conta coa colaboración de entidades donantes como o Museo Valle-Inclán ou a Fundación Rosalía de Castro. Ademais e dado que se trata dunha actividade de diálogo entre humanidades e ciencias experimentais, tamén participan activamente no seu desenvolvemento as facultades de Química, Física e Bioloxía.

Érbedo
Coincidindo co Día Mundial do Libro, a Cátedra Rosalía de Castro organizará o 23 de abril a plantación dun érbedo no xardín de Fonseca, nunha actividade concibida en colaboración co Concello de Santiago que procura honrar a memoria rosaliana. Como explica a profesora Rábade Villar, é sabido que a escritora gustaba de escribir onda un exemplar desa mesma especie, sito no Pazo de Lestrobe, que foi talado no século XX, polo que, na súaa opinión, “a plantación sería, asemade, un acto de restitución simbólica do devezo de Rosalía pola natureza”.

Nesa mesma xornada está prevista a doazón á Biblioteca Universitaria dun exemplar do libro-herbario Os ollos das árbores, froito dunha axuda Leonardo da Fundación BBVA, así como de dous exemplares do mesmo libro, con ilustracións botánicas dos artistas Cristina Lucas e Fernando Sánchez Castillo, ao Museo de Historia Natural da Universidade.

A profesora María do Cebreiro nun instante da visita guiada. Foto: Marta Vázquez
A profesora María do Cebreiro nun instante da visita guiada. Foto: Marta Vázquez
A inauguración da exposición contou con numeroso público. Foto: Marta Vázquez
A inauguración da exposición contou con numeroso público. Foto: Marta Vázquez
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2025.