Ir o contido principal

A mostra pictórica ‘Coexistencias’ analiza en Fonseca o aspecto relacional e reflexivo da vida

Ánxela Mariño e Pilar Murias. FOTO: Santi Alvite
Ánxela Mariño e Pilar Murias. FOTO: Santi Alvite
A pintora Ánxela Mariño (Leirem) profunda a través de 18 pinturas na exploración do ser en relación con outros baixo o lema ‘Do positivismo ao desencanto, da decepción á existencia...’
Santiago de Compostela

Preto dunha vintena de obras pictóricas unidas pola exploración do ser en relación con outros integra a mostra ‘Coexistencias’, da artista Ánxela Mariño (Leirem) que pode visitarse no Claustro Alto do Colexio de Fonseca ata o vindeiro 14 de setembro. Baixo o lema, ‘Do positivismo ao desencanto, da decepción á existencia...’ a exposición inaugurada este luns 19 aborda o “existir non a través da experiencia senón a través da análise do aspecto relacional e reflexivo da vida”, explica a artista que, ademais de pintora, é docente no IES de Pontepedriña, especialista en pedagoxía terapéutica, e promove e participa en varias asociacións ecoloxistas.

A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, presidiu o acto inaugural e realizou, xunto á artista, un percorrido por esta mostra na que se trata, entre outros aspectos, “a plasmación da anguria, da desesperanza ou do pracer vital que provoca estar vivo”, sinala Ánxela Mariño. “Pintar é ser un pouco parte do sentimento da creación e, como tal, leva a miles de sentimentos, ao recollemento máis profundo. Reivindico na miña pintura sobre todo a imperfección, coma toda existencia é imperfecta, a tautoloxía, o sentimento e a forza”, engade.

A artista realizou xa varias exposicións na cidade ao longo da súa carreira, nos Centros Socioculturais de A Rocha, Sar e Conxo, onde expuxo a colección de gravados. Tamén ten participado en exposicións colectivas como ‘Tiene un algo que es un no sé qué’, dirixida por Chelo Matasanz, na Cidade da Cultura, así como na Walking Gallery 2016 celebrada na cidade. A exposición 'Co-existencias' pode verse de balde, de luns a venres, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. A mostra que chega a Compostela da man da Área de Cultura da USC e ao abeiro do programa Primavera Cultural.

Traxectoria

Ánxela Mariño (Vilagarcía de Arousa, 1969) é pintora artística. Estudou na Facultade de Formación do Profesorado, na UNED e na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. É membro da Asociación Profesional de Artistas de Galicia A Colectiva. En 1998 instálase na Estrada (Pontevedra) e alí a súa pintura deriva na procura de novos camiños ensaísticos con obras de diverso tipo: expresionistas como soños (2000); cubistas como sombreiros (2002), cabelo (2003); fauvistas, como dedos (2000), Ría de Ferrol (2001); ou postimpresionistas. como bodega (2004) caracois (2005), cunchas (2006), charco (2006). A súa traxectoria artística inclúe tamén gravados como momentos da túa vida (2005-2006); relevos, como liñas de area (2005); alén de debuxos impresionistas, como rostros (2010- 2011), De muller (2010); e pezas surrealistas, como Serie oníricos (2011), ou erótica (2016). Ademais, Mariño tense adentrado nos campos da escultura, con liñas (2010), e da fotografía conceptual, con Lyrics (2012), Orgánico ou What about the room (2015).

A artista realizou xa varias exposicións na cidade ao longo da súa carreira. FOTO: Santi Alvite
A artista realizou xa varias exposicións na cidade ao longo da súa carreira. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2023.