Ir o contido principal

A mostra ‘Ritos e rituais de inverno’ exhibe en Lugo máis de oitenta máscaras do Entroido portugués de Trás-os-Montes

A AECT Douro-Douro desenvolve unha serie de iniciativas que teñen por obxecto difundir a cultura do pobo entre a cidadanía
A AECT Douro-Douro desenvolve unha serie de iniciativas que teñen por obxecto difundir a cultura do pobo entre a cidadanía
Á área de Antropoloxía Social e Cultural da Universidade de Santiago de Compostela participa na organización desta exposición que bota a andar este xoves 13 e que poderá visitarse ata o 15 de maio no Vello Cárcere
Lugo

Tras o seu paso por Zamora, Salamanca, Torre de Moncorvo (Portugal), Valladolid, Cáceres e Alfândega da Fé (Portugal), a mostra ‘Ritos e rituais de inverno’ chega este xoves 13 de marzo ás 19.00 horas ao centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo. A área de Antropoloxía Social e Cultural da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa AECT Duero-Douro, a Cámara Municipal de Torre de Moncorvo e a Academia da Máscara Ibérica é a encargada de organizar esta exposición que poderá visitarse de balde ata o vindeiro 15 de maio. Baixo o epígrafe ‘Revelar os traballos e a arte das máscaras’, participarán no acto de inauguración a profesora de Antropoloxía da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, Elena Freire Paz; e a profesora Pilar Panero García, directora da Cátedra de Estudios sobre la Tradición da Universidad de Valladolid e mais do proxecto europeo MASK. 

 A mostra exhibe unha colección de oitenta e tres máscaras tramontanas elaboradas por vinte e seis artesáns distintos. As pezas atópanse asociadas a trinta e catro rituais antigos do Entroido tradicional, procedentes da colección privada que foi conformando Nuno Jorge Rodrigues Gonçalves. As máscaras proceden de freguesías e vilas do Distrito de Bragança, en Portugal, un territorio que conserva un vasto patrimonio cultural cunha orixe arcaica, pero vixente pola gran aceptación social que ten hoxe día. A colección que se expón atesoura valores artísticos, históricos, educativos e antropolóxicos.

 V Encontro Internacional de Rituais Ancestrais

O territorio da AECT Douro-Douro alberga a considerada a fronteira máis antiga de Europa; conserváronse na raia case que intactas numerosas das tradicións dos antergos, que absorberon as máis diversas influencias ao longo dos tempos. Son moitas as festas pagás enraizadas na memoria e a cultura de ambos os lados da fronteira. Para que estas tradicións perduren no tempo, a AECT Douro-Douro desenvolve unha serie de iniciativas que teñen por obxecto difundir a cultura do pobo entre a cidadanía.

Ademais desta exposición itinerante, dende 2019 a AECT Douro-Douro organiza o Encontro Internacional de Rituais Ancestrais, que concentra máis de 60 grupos de mascaradas procedentes de diferentes lugares de España, Portugal, así como de diversos países de Europa. Neste 2025 celebrarase a súa cuarta edición o vindeiro 5 de abril durante toda a xornada en Bemposta-Mogadouro (Portugal).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2025.