De cómo as mulleres construíron a democracia

A Oficina de Igualdade de Xénero da USC organiza para o vindeiro 4 de marzo unha xornada aberta (previa inscrición) sobre as mulleres na política na que, en concreto, se analizará o seu papel na lexislatura constituínte de 1977. O programa conta coa proxección do documental Las Constituyentes de Oliva Acosta e un debate no que intervirá a por aquel entón deputada pola Coruña Nona Inés Vilariño Salgado, unha das 27 protagonistas do audiovisual. A xornada ‘Mulleres na política. Construíndo a democracia. O papel das mulleres na lexislatura constituínte de 1977’ desenvolverase no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais a partir das 11.15 horas. Na inauguración participarán a adxunta á Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, María del Carmen Segura Iglesias; a decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC, María Antonia Arias Fernández; e a profesora de Ciencias Políticas Isabel Diz Otero. Las Constituyentes Documental sobre as 27 mulleres, deputadas e senadoras, que desde o seu traballo parlamentario na lexislatura constituínte de 1977 foron protagonistas do cambio político cara á democracia en España. A través da experiencia persoal destas pioneiras, nárrase unha parte apaixonante da historia da participación política das mulleres en España e analízase a situación actual, xa que o documental recolle tamén o encontro entre deputadas e políticas actuais con algunhas das mulleres constituíntes, nun intenso debate. Un traballo audiovisual inédito que desborda actualidade.
Estas mulleres accederon ao Congreso e Senado español tras o período franquista, nas eleccións democráticas do 15 de Xuño de 1977, e participaron na elaboración da constitución española de 1978, defendendo activamente a igualdade de dereitos entre homes e mulleres na sociedade española.