Nace EnergHius, unha spin-off da USC que impulsa a microelectrónica para a recolección de enerxía

EnergHius, compañía especializada no deseño de circuítos microelectrónicos avanzados para a recolección de enerxía, é a nova spin-off da Universidade de Santiago de Compostela. Foi creada co obxectivo de posicionarse como un actor clave no sector da microelectrónica e desenvolver solucións innovadoras para a captación e xestión eficiente de enerxía en dispositivos electrónicos, con aplicacións no Internet das Cosas (IoT), sensores autónomos e dispositivos de baixo consumo.
Dirixida por Daniel García como CEO e Óscar Pereira como CTO, ambos doutores en Microelectrónica, EnergHius xurde do Centro Singular de Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) como resultado dunha liña de investigación pioneira liderada polos catedráticos Paula López, Víctor Brea e Diego Cabello e o profesor Fernando Pardo.
A creación desta nova spin-off reafirma o compromiso da USC coa innovación e a transferencia de coñecemento, a través da súa Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) e do seu relevante papel na creación de EnergHius, á que asesorou e acompañou no proceso de transferencia tecnolóxica e no desenvolvemento do seu plan de negocio.
O lanzamento da compañía prodúcese en paralelo á posta en marcha da Cátedra Televés de Microelectrónica da USC, que favorecerá a xeración dun ecosistema de formación de talento e desenvolvemento tecnolóxico neste ámbito. Ademais, está enmarcado nun momento estratéxico para o sector da microelectrónica en España, con iniciativas como o PERTE Chip, impulsado polo Goberno para fortalecer o ecosistema nacional de semicondutores.
EnergHius está recoñecida pola Xunta de Galicia como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT), unha distinción que avala a viabilidade e o potencial de impacto do proxecto e que reforza o compromiso da empresa coa creación de emprego cualificado e co desenvolvemento de tecnoloxía de vangarda en Galicia.