Ir o contido principal

Nace GALESTAT da man da USC, o primeiro portal estatístico da economía social en Galicia

As persoas interviñentes no acto, co público asistente. Foto: Santi Alvite
As persoas interviñentes no acto, co público asistente. Foto: Santi Alvite
O CECOOP presentou os detalles no acto central da VI Semana Universitaria da Economía Social, á vez que fixo o propio co Informe da Economía Social en Galicia 2023
Santiago de Compostela

O Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) da USC que dirixe a profesora Maite Cancelo culminou xa os traballos de GALESTAT, o portal estatístico da Economía Social que achegará os datos máis actualizados sobre o sector en Galicia. Os detalles desta ferramenta dixital presentáronse este mércores no acto central da VI Semana Universitaria da Economía Social no que ademais de Cancelo participaron a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Mariño, e a vicedecana da Facultade anfitrioa, Romina García.

GALESTAT responde a unha das demandas do Plan de Acción Europeo da Economía Social, que establece como un dos seus obxectivos aumentar a súa visibilidade mediante a recompilación de datos e estatísticas adecuados. Trátase de ofrecer a información estatística máis relevante dos diferentes actores que integran a Economía Social galega e que complementa a análise que o CECOOP realiza anualmente.

O portal recolle datos do ano 2021 dos ingresos, empregos e número de entidades da Economía Social galega de mercado e de non mercado así como un glosario de termos económicos, publicacións e novas de interese. Para as sociedades cooperativas e as laborais compílanse ademais datos das estatísticas do Ministerio desde 1999, o que permitirá realizar traballos cunha visión temporal bastante ampla.

O consello científico do portal está formado polos docentes e persoal investigador das Universidades de Santiago e Vigo María Bastida, Maite Cancelo, Rosario Díaz, Pilar Expósito, Alberto Vaquero, Emilia Vázquez Rozas e Miguel A. Vázquez Taín; pola presidenta de Espazocoop, Ana Olveira; por Marta Mariño e por José Luís Monzón, presidente de CIRIECSTAT.

Informe da Economía Social en Galicia 2023
No mesmo acto tivo lugar tamén a presentación do Informe da Economía Social en Galicia 2023 (que proximamente se poderá consultar no web do CECOOP), que recolle que ese ano en Galicia se crearon 138 cooperativas (a segunda cifra máis elevada da serie histórica) con 434 socios e socias promotores (o 44% mulleres); 56 sociedades laborais (o 24% das constituídas en todo o Estado, só por detrás da Comunidade de Madrid) e 7 novos centros especiais de emprego.

Como datos más relevantes do informe destacan as 1.379 sociedades cooperativas e 689 sociedades laborais inscritas no Rexistro da Comunidade Autónoma de Galicia, ás que hai que sumar 128 Centros Especiales de Emprego, 14 Empresas de Inserción Laboral, 4 mutuas e mutualidades, 63 confrarías de pescadores, 1.039 sociedades agrarias de transformación e 3.029 comunidades de montes veciñais en man común.

No que se refire ás novas cooperativas, 8 de cada 10 se localizan nas provincias atlánticas, o 80% baixo a figura de traballo asociado, e aumentan en todos os sectores, sendo maioritarias no de servizos, igual que no caso das sociedades laborais. Xa nos Centros Especiais de Emprego, dos 128 galegos 56 pertencen á Economía Social, coa maioría no sector servizos (45,3%) e actividade administrativa e servizos auxiliares. Con relación ás Empresas de Inserción, o peso continúa na provincia de A Coruña.

As 63 confrarías de pescadores que constan no informe supoñen o 31,8% das españolas. No estudo recóllese a evolución das afiliacións a estas entidades: 4.009 empresas e 6.767 persoas traballadoras. Por sector de actividade, en A Coruña teñen maior presenza no marisqueo desde embarcación, en Lugo no de pesca de altura e en Pontevedra no de marisqueo a pé.

Con respecto ás Comunidades e Mancomunidades de Montes Veciñais en Man Común, fórmula asociativa exclusiva de Galicia e recoñecida como entidades de Economía Social, en 2023 había 3.376 montes, cunha superficie de cerca de 660 mil hectáreas e un tamaño medio de 196. Estes montes organízanse a través das Comunidades de Montes veciñais en man común, que ascenderon a 3.029, con preto de 117 mil comuneiros e unha media de 39 por comunidade.

Neste informe participaron Ana Olveira, Dolores Álvarez, Manuel Botana, María Bastida, Maite Cancelo, Rosario Díaz, Pilar Expósito, Loreto Fernández, José Antonio Montero, Ana Olveira, Alberto Vaquero, Emilia Vázquez Rozas, Miguel A. Vázquez Taín e Alicia Villalba. Tanto para o seu desenvolvemento como para o de GALESTAT o CECOOP conta co apoio da Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.

Catro exemplos de éxito
Neste evento interveu ademais o presidente do Foro da Economía Social Galega, Mino Martínez, que presentou catro entidades das principais familias da economía social galega que exporán brevemente o seu modelo empresarial como Carlos Carrión, da Sociedade Cooperativa Vitivinícola Arousana (bodegas Paco&Lola); Xosé Lois Lamazares, de Lugar da Veiga SLL (galletas Mariñeiras); Rosa Gutiérrez, de Coregal, e Víctor Manuel Blanco, de Primicias Raiña.
 

De dereita a esquerda, Maite Cancelo, Romina García, Pilar Murias, Marta Mariño e Mino Martínez. Foto: Santi Alvite
De dereita a esquerda, Maite Cancelo, Romina García, Pilar Murias, Marta Mariño e Mino Martínez. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.03.2025.