Ir o contido principal

Nace un proxecto para facilitar o uso da información ambiental na xestión da produción acuícola e marisqueira na Ría de Arousa

MOLL-e MALONE nace para mellorar a avaliación da calidade da auga na Ría de Arousa. Foto: Santi Alvite
MOLL-e MALONE nace para mellorar a avaliación da calidade da auga na Ría de Arousa. Foto: Santi Alvite
A USC lidera MOLL-e MALONE, un servizo que integra datos de Copernicus Marino con modelos costeiros e observacións locais in situ do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia
Santiago de Compostela

O grupo de Física Non Lineal da USC liderado polo profesor da USC e investigador do CRETUS Vicente Pérez Muñuzuri, xunto coa empresa NOW Systems e o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, acaban de conseguir un contrato co Programa de Colaboración Nacional do Servizo Copernicus Mariño (2022-2028) para desenvolver o proxecto MOLL-e MALONE, un servizo de monitorización e predición costeira de apoio á acuicultura do berberecho e o mexillón para a ría de Arousa.

O principal obxectivo de MOLL-e MALONE é ofrecer un servizo costeiro operacional que integre información, procedente de modelos de alta resolución e de diferentes fontes locais de datos observacionais in situ e en tempo real, a través dunha plataforma específica de interface de usuario (baseada na ferramenta NAUI) para apoiar as actividades de acuicultura na Ría de Arousa.

Os socios do proxecto, asesorados polo Intecmar e MeteoGalicia, pretenden que a ferramenta MOLL-e MALONE sexa quen de proporcionar información valiosa en zonas e lugares específicos de interese para a produción dos bivalvos coa fin de minimizar as posibles barreiras existentes no uso de datos medioambientais e a súa combinación con datos socioeconómicos. Deste xeito, axudarase na toma de decisións e mellorarase a xestión das actividades acuícolas locais.

MOLL-e MALONE nace para mellorar a avaliación da calidade da auga na Ría de Arousa, integrando os produtos de Copernicus Marino con modelos costeiros e observacións locais in situ proporcionadas polo Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia a través das súas institucións asociadas: MeteoGalicia, Intecmar e CETMAR.

Casos de Uso 
O proxecto MOLL-e MALONE vai desenvolver dous casos de uso. Un primeiro, de utilidade para o sector marisqueiro e liderado polo Intecmar, que analizará as relacións entre os cambios en temperatura/salinidade e a produción de bivalvos, e un segundo coa finalidade de construír unha plataforma que mostre a relación entre os cambios ambientais co crecemento de mexillóns na Ría de Arousa. Este último, guiado polo Centro Tecnolóxico do Mar- CETMAR,  emprega datos captados por sensores instalados en bateas da Ría de Arousa no marco do  proxecto TransformAR.

Socios do proxecto
A USC é quen lidera este proxecto, que conta coa participación da empresa galega  NOW Systems (NOW) -provedor de servizos operativos e quen desenvolveu a ferramenta NAUI- e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), representante do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia e quen deseñou o sistema de monitorización da batea, ademais de ser o interlocutor cos outros dous colaboradores clave, MeteoGalicia e Intecmar.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2025.