Ir o contido principal

Nace na USC a Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial

Participantes na sesión constitutiva da Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial. Foto: Santi Alvite
Participantes na sesión constitutiva da Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial. Foto: Santi Alvite
Con sede na Facultade compostelá, nace con vocación interdisciplinar ao integrar persoal investigador interesado nos aspectos ontolóxicos, conceptuais, epistemolóxicos, éticos, políticos e sociais da IA

A Universidade de Santiago acolleu este venres o acto de constitución da Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial, que nace con vocación interdisciplinar e transversal ao integrar máis de cen investigadoras e investigadores de todo o Estado interesados nos aspectos ontolóxicos, conceptuais, epistemolóxicos, éticos, políticos e sociais da IA. A sesión constitutiva tivo lugar na propia Facultade, cuxo decano  Xavier Donato é promotor desta iniciativa que fixará a súa sede en Compostela e que organizará o primeiro congreso nacional de filosofía da IA.

A Rede engloba varios grupos de investigación especializados en áreas como a filosofía pero tamén de ciencias da comunicación, da educación, a filoloxía, a psicoloxía, o dereito, a antropoloxía e, naturalmente, a propia investigación en IA.

Na sesión de apertura deste venres aprobáronse os estatutos e debateuse sobre as primeiras iniciativas da Rede, que nace con vocación de interdisciplinariedade e transversalidade ao integrar persoal investigador de toda España interesado nos aspectos ontolóxicos, conceptuais, epistemolóxicos, éticos, políticos e sociais da IA.

Como obxectivos principais, a rede proponse a promoción e difusión dos estudos filosóficos sobre intelixencia artificial (IA) desde distintas perspectivas, fomentando o diálogo intelectual e o intercambio do coñecemento, así como trasladar os seus debates e conclusións ao conxunto da sociedade española.

Para a consecución destes retos organizará reunións científicas de todo tipo con especialistas de múltiples áreas de coñecemento e ten previsto presentarse ás convocatorias competitivas que teñan como obxectivo o financiamento de proxectos e grupos de investigación no ámbito de estudo.

Por outra banda, formúlase como cometido o impulso da transferencia do coñecemento filosófico sobre a IA cara á sociedade, ás institucións educativas, aos medios de comunicación, ao sector tecnolóxico e aos responsables políticos, “contribuíndo así a un debate público informado e a unha toma de decisións máis crítica e fundamentada", explican.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2025.