Ir o contido principal

Nerea Fernández e Olga Vallejo acadan os IV Premios Rafael Crecente a Propostas Innovadoras de Xestión Territorial

Mª Nerea Fernández Canto e Olga Vallejo López
Mª Nerea Fernández Canto e Olga Vallejo López
As enxeñeiras tituladas na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC reciben os galardóns convocados polo Ibader xunto co LaboraTE e dotados con 2.000 e 1.000 euros, respectivamente, nunha sesión na que a investigadora da Universidade de Porto Ângela Lomba ofreceu un relatorio sobre cultivos e conservación da natureza
Lugo, Santiago de Compostela

As enxeñeiras tituladas na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo María Nerea Fernández Canto e Olga Vallejo López reciben os IV Premios Rafael Crecente a Propostas Innovadoras de Xestión Territorial, promovidos polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) xunto co Laboratorio do Territorio (LaboraTE) do Campus Terra da USC  e dotados cunha gratificacións en metálico de 2.000 e 1.000 euros respectivamente, no marco dunha sesión en liña na que investigadora do Centro de Investigación e Biodiversidade e Xenética da Universidade de Porto Ângela Lomba pronunciou un relatorio sobre cultivos e conservación da natureza.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, abriu o acto de entrega dos IV Premios Rafael Crecente a Propostas Innovadoras de Xestión Territorial cunha intervención a prol da incorporación das mulleres ao ámbito das enxeñarías, ao tempo que lembrou a figura e o legado do profesor Rafael Crecente Maseda e tamén puxo en valor o labor dos promotores duns galardóns creados para impulsar entre os titulados universitarios a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia.

Nerea Fernández Canto acadou o primeiro dos galardóns establecidos nas bases da convocatoria co traballo ‘Verificación dun sistema que garanta a orixe das fariñas e do pan de trigo autóctono de Galicia mediante o uso de marcadores moleculares e técnicas microscópicas’. A segunda candidatura máis valorada polo tribunal responsable de fallar os IV Premios Rafael Crecente de Propostas Innovadoras de Xestión territorial foi a presentada por Olga Vallejo López baixo o título ‘Proposta de proxecto permacultural: Espiral Crecente’, segundo lembrou o voceiro do xurado destes galardóns nun acto no que, entre outros, tamén interviñeron o director do Ibader, Pablo Ramil, e o coordinador do LaboraTE, David Miranda.

O xurado dos IV Premios Rafael Crecente tamén destacou a calidade de todos traballos presentados a esta convocatoria, á que concorreron as candidaturas ‘Forest‐Biotech: O potencial dos recursos forestais galegos na innovación de procesos biotecnolóxicos’, de Ana Arias Calvo; ‘Aldeas de Bogo: o rexurdir postindustrial’, de Celtia Traviesas Méndez; ‘Camiño Circular S. Coop. Galega’, de Lara Blanco Fernández; ‘Xestión de grandes superficies da viña mediante o emprego de imaxes multiespectrais de UAVs e satélites, de Marta Rodríguez Fernández, e ‘Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata topo’, promovida por Irene Ortiz Leal e Sara Ruiz Rubio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.09.2021.