Cinco novas medallas para a USC nos Campionatos de España Universitarios

A USC acadou ao longo desta fin de semana tres medallas de ouro en xadrez (clasificación xeral, rápidas e blitz), unha prata en loita e un bronce en hípica. Estes metais súmanse aos dous ouros xa acadados hai varias semanas en taekwondo.
O estudante do mestrado en Matemática Industrial, Julio Suárez Gómez, proclamouse vencedor no torneo de rápidas do Campionato de España Universitario de xadrez. Esta mesma posición foi a obtida por Artai Bringas Gómez, estudante do dobre grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual, na clasificación do torneo blitz. Ademais, o equipo da USC, integrado tamén por Alberto Portela Peleteiro do mestrado en Técnicas Estatísticas e Luis Guerrero Méndez do dobre grao en Física e Química, acadou o ouro na clasificación xeral.
Dúas alumnas do grao en Veterinaria acadaron outros dous metais para a USC. Así, Ana López Álvarez conseguiu a prata en loita, mentres que Verónica Villamor Oltra obtivo o bronce en hípica.
O luns 24 comezan, en modalidade feminina, os campionatos de balonmán, rugby 7 e voleibol. León e Navatejera acollen ata o 27 de abril a competición de balonmán; en Valladolid, o Rugby 7 esténdese ata o 26, mentres que o voleibol remata un día máis tarde. Bádminton, do 29 ao 1 de maio, tamén en Valladolid, e judo, do 12 ao 13 de maio en Salamanca, completan a listaxe das competicións que aínda quedan por disputarse.
Ademais, a USC tamén participou nas competicións de atletismo, karate, fútbol sala masculino, esgrima, baloncesto masculino e feminino e tenis. No caso do fútbol sala, que obtivo un cuarto posto vencendo á UCAM de Murcia, o equipo xa se proclamara con anterioridade vencedor nos Campionatos Galegos Universitarios de Deportes Colectivos.
En tenis, participou o estudante de Medicina, Luis Emiliano Fernández Labarta; en karate, o alumno de Dirección e Administración de Empresas, Simón Cancelo Sánchez; e en esgrima, a estudante de Medicina, Elisa Martínez Vidal. En atletismo os resultados foron os seguintes: Hugo García Souto (10.000m masculino, 6º posto), Santiago Rozas Trastoy (110m. v masculino, 6º posto), Álvaro Díaz Barreiro (400m. v masculino, semifinais); Ainara Rodríguez Ares (800m. v. feminino, semifinais); Lucía Varela Molejón (3.000 obst. Feminino, 6º posto); Ariadna Gil Fernández (triple feminino, 9º posto); Alba Pérez Nieto (5.000 marcha feminino, 7º posto).