Os ODS e o territorio rural reivindican as enxeñarías agroforestais

O alumno do dobre grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, Andrés Osoro Corsino, que vén de ser elixido vicepresidente da Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais (SEIAF) de España, reivindica a necesidade e a importancia do cometido que están chamados a desenvolver os profesionais do eido das enxeñarías ligadas á natureza e ao sector primario para facer fronte aos efectos derivados do cambio climático e avanzar así na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), un reto global para o que a enxeñaría agrícola e forestal, dadas as súas competencias e atribucións, pode resultar de gran axuda.
A implicación destas ramas da enxeñaría na produción de alimentaria, desde o campo ata as industrias, conecta directamente con varios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible: Fame cero, Saúde e benestar, Produción e consumo responsables..., sinala Osoro, que suma a estas ligazóns directas cos ODS outras derivadas das atribucións de que gozan as enxeñarías agroforestais no eido medioambiental e da industria pesqueira, ao tempo que ve necesaria a progresiva implicación deste colectivo de profesionais en ámbitos ligados á enerxía accesible e non contaminante, a vida dos ecosistemas terrestres e submarinos, así como á acción polo clima.
O descoñecemento das atribucións e competencias profesionais que confiren as enxeñerías das ramas agrícolas e forestais resta visibilidade ao importante labor que desempeñan estes profesionais a prol da preservación da biodiversidade e do medio natural. “Esta realidade, unida á falsa crenza urbana aínda non superada de que cursar unha enxeñaría agronómica é pouco menos que estudar para coidar vacas, resta ao noso colectivo profesional oportunidades tanto no eido laboral como no da I+D+i” comenta Osoro, para quen a pandemia provocada pola COVID-19 permitiu á sociedade darse minimamente conta da relevancia do sector primario. O vicepresidente da SEIAF teme, sen embargo, que este crecente interese polo campo e polo rural, que representa o 85% da superficie territorial sexa “unha reacción pasaxeira e froito do medo”.
A reivindicación do medio rural a fin de reverter a actual situación que soportan as xentes do campo constitúe unha das motivacións que levou a Andrés Osoro a integrarse na executiva da SEIAF, un colectivo universitario que vela pola mellora da calidade docente e traballa a prol dun mellor reputación e recoñecemento das titulacións de cuño agrario e forestal, ao tempo que procura a inserción laboral das persoas egresadas a través da súa interlocución cos colexios profesionais e demais de institucións.
A inclusión de Osoro Corsino na executiva da Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñarías Agroforestais de España, un órgano estudantil ao que este estudante asturiano xa permanecía vencellado desde hai un ano xunto co seu compañeiro na EPS de Enxeñaría da USC Yago Lestido, permite ao centro universitario lugués cobrar unha maior relevancia nas dinámicas dunha asociación sectorial como a SEIAF, que axuda a canalizar e transmitir as demandas e inquedanzas dos estudantes ás propias institucións universitarias.
Preocupacións compartidas
O futuro laboral, o prezo das matrículas, ou, entre outras, a mellora da calidade docente son algunhas das preocupacións que compartimos todos os compoñentes da SEIAF, di Osoro, para logo engadir outras inquedanzas específicas, en función de cada demarcación territorial, tales como a situación da España rural, o intrusismo profesional de titulacións máis atractivas, a baixa taxa de matrícula, o descoñecemento das titulacións de perfís agrario e forestal… A estas cuestións cómpre engadir outros retos ou problemas globais, como o son a progresiva escaseza de auga na agricultura, a recuperación de espazos degradados, que xa representan o 20% dos solos do mundo, e dos bosques de ribeira, o secuestro de carbono…
Satisfeito coa súa decisión de desenvolver a súa formación universitaria na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, un centro de fonda tradición agropecuaria e forestal e contrastado prestixio no eido da I+D, Osoro Corsino recoñece tamén a vantaxe competitiva que ofrece o Campus Terra respecto doutras sedes universitarias ao manter unha conexión plena, cando non integración, cos sectores produtivos do medio rural e coas súas xentes, ademais de coa natureza.
Outra das fortalezas que este universitario asturiano advirte nas enxeñarías agroforestais é a súa silenciosa contribución á supresión da fenda de xénero no sector. “As enxeñarías agrarias e forestais son as titulacións do ámbito das enxeñerías que contan con máis alumnas matriculadas, que representan arredor do 26%”, sinala. Esta porcentaxe é moi baixa e quizás pode asociarse a aínda imperante visión masculinizada da España Rural, engade Osoro, para logo precisar que “a evolución ou superación dos estereotipos de xénero no medio rural é lenta, pero as cousas van cambiando e esta tendencia percíbese tanto no plano normativo como na crecente presenza de mulleres nestas enxeñarías”.

