A Orquestra da USC selecciona instrumentistas para o novo curso
A Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela (OUSC) mantén aberto o prazo de inscrición cara á admisión de novas e novos instrumentistas para o curso 2023-24. Búscanse intérpretes de violín, viola, violonchelo, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón, trombón baixo, tuba, percusión, piano, cravo e arpa para formar parte do grupo residente deste proxecto educativo musical da Área de Cultura da USC.
Trátase dunha convocatoria aberta a integrantes da comunidade universitaria, estudantes de música e, en xeral, intérpretes que manexen algún dos instrumentos mencionados. As persoas aspirantes deberán inscribirse a través do formulario habilitado na páxina web da OUSC, ata o día 8 de setembro. A seguir, terán que enviar un vídeo coa interpretación de dúas obras ou movementos de libre elección á dirección orquestra.universidade [at] usc.es (orquestra[dot]universidade[at]usc[dot]es) indicando o nome e apelidos da persoa solicitante. No caso de probas a instrumentos de percusión, será necesario interpretar cando menos tres obras do repertorio específico escollido pola comisión de selección. Para o envío das vídeo-audicións o prazo remata tamén o 8 de setembro.
As probas están destinadas a coñecer e valorar a aptitude das persoas aspirantes e seleccionalas con vistas á interpretación dos programas musicais que a OUSC realizará entre setembro e xullo do curso 2023-24, así como dos programas asociados que poidan xurdir. No proceso de selección darase prioridade a integrantes da comunidade universitaria. Ademais da listaxe de admitidas para integrar a orquestra, elaborarase unha relación de reservas para cubrir posibles baixas ata xuño de 2024. O resultado das audicións será comunicado a través da web e tamén directamente ás persoas participantes por medio de correo electrónico.
En principio, a participación na OUSC está limitada a un máximo de 2 cursos. O estudantado de grao que integre as filas da orquestra poderá recibir 4 créditos ECTS polo primeiro curso completado e 2 polo segundo. Ademais, poderase prorrogar a pertenza ao proxecto en seguintes convocatorias, sempre a criterio da organización da OUSC, pero xa sen retribución de créditos.
Os requisitos e bases completas da convocatoria así como outras informacións adicionais pódense consultar na web da OUSC.