O Padroado da Cultura Galega de Montevideo dedica o Día da Poesía Galega ao autor lugués Claudio Rodríguez Fer

O Padroado da Cultura Galega de Montevideo, histórica asociación dos emigrantes galegos en Uruguai, dedicará este venres ao poeta lucense Claudio Rodríguez Fer, profesor na Facultade de Humanidades de Lugo e director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, o Día da Poesía Galega, unha celebración que cada ano se consagra a un autor vivo.
O acto de homenaxe tributado polo Padroado da Cultura Galega de Montevideo a Claudio Rodríguez Fer comezará cun relatorio do autor lugués. Unha semblanza da figura deste prolífico autor e o recital da súa poesía servirán de colofón desta sesión. A obra poética de Rodríguez Fer consta de quince libros: catorce poemarios reunidos en Amores e clamores (Edicións do Castro, 2011) máis a obra poético-visual Cinepoemas (1983), recentemente ampliada en reedición gráfica de Cristina Fiaño (Ouvirmos, 2016). Ademais de poeta, Rodríguez Fer é narrador, autor teatral e ensaísta. A súa narrativa breve foi reunida en Contos e descontos (2011) e publicou numerosos libros de ensaio, edición e estudo sobre literatura universal (Dostoievski, Borges, Neruda, Cortázar), española (Machado, Cernuda, Valente, Gamoneda) e galega (Castelao, Dieste, Granell, Carballo), a miúdo lucense (Pimentel, Fole, Ángel Johán, Cunqueiro).