Ir o contido principal

A parentalidade positiva centra en Humanidades unha xornada aberta a familias e técnicos profesionais

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A sesión, promovida por investigadores da USC e da UVigo en colaboración coa Xunta de Galicia, desenvolverase a partir das 16.30 horas no salón de actos do centro

A parentalidade positiva como ferramenta para deixar o mellor legado para os fillos e fillas centra este martes 29 unha xornada formativa e de divulgación que se desenvolverá, a partir das 16.30 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC.

Esta sesión de traballo, promovida por grupos de investigación da USC e da Uvigo en colaboración coa Xunta de Galicia, está aberta á participación de familias e tamén de técnicos profesionais que desenvolven o seu cometido coa poboación infantil, adolescentes e tamén cos seus respectivos proxenitores. Esta iniciativa sobre parentalidade positiva, cuxa organización parte dunha recomendación do Consello de Europa e que, ata o 15 de decembro, contempla a celebración de xornadas semellantes á de Lugo en Pontevedra, Vigo, A Coruña, Ferrol, Santiago e Ourense, pretende afondar na mellora da educación e da felicidade dos máis novos e das súas familias a través de tres piares, como o son a satisfacción das necesidades dos nenos, nenas e adolescentes; o respecto dos seus dereitos, e a responsabilidade dos proxenitores. As xornadas son de acceso libre e de carácter gratuíto. Aínda así, como os participantes poderán recibir un certificado de asistencia ás xornadas, todas as persoas interesadas poden facer a súa inscrición na páxina web www.parentalidadepositiva.com/inscricion, onde tamén poderán atopar ampla información respecto da parentalidade positiva. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, será a encargada de abrir esta sesión no salón de actos da Facultade de Humanidades de Lugo, no marco dun acto no que tamén intervirán a decana do referido centro universitario, María Isabel González Rey; o conselleiro de Política Social da Xunta de Galicia, José Manuel Rey Varela; a profesora de Psicoloxía da USC Mercedes Novo Pérez, e a catedrática de Psicoloxía da Universidade de Vigo, Francisca Fariña.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2016.