Pemade bota a andar este venres no Campus Terra da USC a sétima edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural
A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estutural (Pemade) bota a andar este venres, a partir das 9.15 horas, no salón de actos da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC, a sétima edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural e a oitava edición dun curso de especialización sobre a mesma temática, no marco dunha sesión de apertura na que intervirán o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o deputado provincial responsable da área de área de Gobierno Interior e Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos; o responsable provincial en Lugo da Fundación Laboral da Construción, Ignacio de Oliveira Pérez, e o director do máster, o catedrático da USC Manuel Guaita.
Unha vez rematado o acto de apertura, o catedrático da USC Roque Rodríguez Soalleiro ofrecerá, a partir das 10.00 horas, o relatorio inaugural, unha intervención que se desenvolverá baixo o título ‘Bosques e producción de madeira en Galicia’. Unha ruta botánica polo Campus Terra da USC, guiada tamén por Roque Rodríguez Soalleiro, completa os actos programados en quenda matinal.
As actividades organizadas co gallo da apertura da sétima edición do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural promovido por Pemade continuarán en quenda de tarde, a partir das 16.00 horas, na sede da delegación luguesa do Colexio de Arquitectos, cunha conferencia do arquitecto Enrique Nuere Matuco, que é membro da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. O relatorio de Nuere Matuco leva por título ‘Onte e hoxe da madeira’. Ao seu remate, as persoas asistentes poderán realizar unha visita guiada polo centro histórico de Lugo.