Pemade forma a 50 profesionais en construción con madeira contralaminada (CLT) co Life Lugo+Biodinámico

A Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural da EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC forma a preto de 50 persoas en construción con madeira contralaminada (CLT), a través dun curso organizado ao abeiro do proxecto Life Lugo+Biodinámico, un programa europeo liderado polo Concello de Lugo e que conta con financiamento da Deputación Provincial, que botou a andar este xoves no centro universitario lugués.
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, foi a encargada de ofrecer a benvida aos participantes nesta acción formativa, no marco dunha sesión inaugural na que tamén intervirán o director de Pemade e catedrático de Enxeñaría Agroforestal da USC, Manuel Guaita; o concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Lugo, Álvaro Santos, e o deputado provincial Pablo Rivera Capón.
Este curso é unha demostración de boas prácticas para mitigar os efectos do cambio climático, sinalou Valcárcel na súa intervención, na que tamén salientou o peso do sector forestal en Galicia, así como a importancia de contar con centros de formación e I+D+i como a EPS de Enxeñaría e a súa Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural, xa que contribúen a incrementar o valor engadido da madeira local co desenvolvemento de produtos innovadores e sustentables.
A USC, a través do máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural impartido por Pemade, formou neste ámbito a centenares de profesionais ao longo dos últimos anos, lembrou o catedrático da USC Manuel Guaita, para logo engadir que un dos obxectivos deste curso pasa por ampliar e mellorar a formación nos traballos de execución e montaxe de estruturas e construción con madeira. “É importante contar con técnicos e montadores especializados”, sinalou Guaita, quen se referiu a este sector como un importante nicho de mercado no que aínda hai falta de profesionais cualificados.
Un dato que corrobora as múltiples oportunidades laborais que depara a construción en madeira é que as 48 prazas ofertadas ao abeiro deste módulo non permitiron a elevada demanda de solicitudes rexistradas de arquitectos, enxeñeiros e demais profesionais ligados co sector, tanto en Galicia como fóra da comunidade.
O edificio Impulso Verde, un dos símbolos máis visibles do Life Lugo+Biodinámico, centrou a sesión de apertura deste programa formativo, no que o técnico de Egoin, Iker Irurtia, explicou algunhas das claves do proceso de fabricación, transporte, descarga e montaxe desta estrutura de madeira. As ferraxes e o software específico para a construción en madeira foron outras das cuestións tratadas na primeira xornada dun curso, cuxo alumnado visitará este venres a estrutura do edificio en madeira levantado nuns terreos próximos ao lugués polígono das Gándaras, para logo presenciar o desenvolvemento de ensaios en CLT no laboratorio de Pemade nas instalacións de que dispón na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo.
As visitas ás instalacións das empresas Maderas Besteiro (Lugo) e da fábrica de CLT Xilonor (Coirós- A Coruña), programadas para a tarde do venres a mañá do sábado, servirán de colofón deste programa.
