Ir o contido principal

A pista de atletismo inicia unha nova etapa coa súa reforma e homologación

No transcurso do acto descubriuse unha placa conmemorativa. FOTO: Santi Alvite
No transcurso do acto descubriuse unha placa conmemorativa. FOTO: Santi Alvite
As obras de renovación e mantemento, froito da colaboración entre USC, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Santiago de Compostela, permitiron que a Federación Española de Atletismo homologase esta instalación deportiva única en Santiago e comarca
Santiago de Compostela

A pista do Estadio de Atletismo da USC loce unha nova faciana logo das obras de renovación e acondicionamento realizadas ao longo dos últimos meses, froito dun convenio de cooperación entre USC, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Santiago de Compostela. O reitor Antonio López presidiu este mércores 15 o acto inaugural logo de que a instalación deportiva recibise a homologación da Real Federación Española de Atletismo, requirimento que permitirá a celebración de competicións atléticas de carácter oficial. A última pavimentación da pista realizárase no ano 1998.

Ademais do reitor, participaron no acto o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; a deputada de Xuventude e Deportes, Cristina Capelán; e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín Carreira. Tamén asistiron o xerente da USC, Javier Ferreira; o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico; e a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa.

O reitor manifestou a súa satisfacción e gratitude por poder recuperar a acreditación desta pista como categoría 3. O fundamental, dixo Antonio López, é q estas instalacións se convertan en punto de encontro e referencia para a cidadanía e que a enchan de actividade. Esta é, en palabras do reitor da USC, unha instalación da Universidade q debe servir para promocionar o deporte galego a todos os niveis.

Pola súa parte, José Ramón Lete Lasa cualificou a reforma como inversión central e estratéxica poñendo a énfase na confluencia institucional porque as administracións temos a obriga, dixo, de dotar un mapa de infraestruturas adecuado en base aos principios de colaboración, cooperación e coordinación. Lete Lasa manifestou ademais a súa vontade de que a pista da USC sexa escenario para un campionato absoluto de España ao aire libre.

Cristina Capelán destacou como a cooperación fixo posible recuperar a pista cun magnifico resultado para poder dispoñer dela, o que supón unha aposta decidida polo atletismo e polo deporte galego. Nesta mesma liña, o alcalde de Santiago afirmou sentirse moi orgulloso e contento por ter contribuído a que a instalación poda entrar de novo en funcionamento. Finalmente, Iván Sanmartín felicitou a confluencia de institucións por conseguir que este soño volva ser realidade ao homologar unha pista destas características.

Novo pavimento

A pista do Estadio de Atletismo da USC, cuxa renovación superou os 400.000 euros, é a única de Santiago e comarca homologada pola Real Federación Española de Atletismo para acoller competicións oficiais neste deporte. A colocación dun novo pavimento centrou os traballos de actualización deste espazo da Universidade que consta dun anel de carreiras de 400 metros de corda e oito estaxes. O tipo de obra que se proxectou tamén contemplou o marcado e sinalización para a correspondente homologación federativa.

Compromiso coa cidadanía

O Estadio de Atletismo da USC que alberga a pista remodelada abrangue catro tipos de uso dirixidos tanto á propia comunidade universitaria como á cidadanía no seu conxunto. Así, ademais das escolas deportivas impulsadas pola Área Deportiva da USC que se desenvolven en diferentes lugares do estadio, este espazo universitario acolle tamén na súa pista, a práctica do deporte federado a través de clubes, a práctica libre con independencia de que se trate de deportistas federados, así como a cesión de uso para clases ou preparación de probas. Ademais a pista, en virtude do convenio de cooperación, poderá acoller competicións oficiais ou outras actividades deportivas ou de promoción do deporte impulsadas pola Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Santiago de Compostela.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2023.