Ir o contido principal

A plataforma tecnolóxica Virtus nace como un espazo común de solucións virtuais avanzadas para a innovación

As autoridades coñeceron no plató virtual as potencialidades de Virtus. Foto: Santi Alvite
As autoridades coñeceron no plató virtual as potencialidades de Virtus. Foto: Santi Alvite
Será unha ferramenta tanto para a mellora docente e a difusión investigadora como para a transferencia tecnolóxica e de coñecemento ao tecido TIC e audiovisual

Virtus, plataforma tecnolóxica para a investigación virtual da USC, abriu este mércores as súas portas como un espazo común de solucións virtuais avanzadas tanto para a innovación docente e a difusión investigadora como para a transferencia tecnolóxica e de coñecemento ao tecido TIC e audiovisual galego.

Con esta infraestrutura os diferentes grupos de investigación e axentes sociais poderán desenvolver os seus proxectos dun modo colaborativo e multidisciplinar botando man dos usos e potencialidades inherentes ás tecnoloxías de realidade virtual e mixta. VIRTUS nace do traballo que leva realizando dende hai anos o Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) da USC.

Tendo como centro tecnolóxico o Plató Virtual de Televisión de última xeración recentemente instalado na Facultade de Ciencias da Comunicación, Virtus pretende ser o núcleo de creación de contidos baseados en realidades virtual e mixta e unha punta de lanza na integración efectiva destas tecnoloxías no día a día da investigación universitaria.

A plataforma ofrecerá a posibilidade de gravación de contidos de curta ou longa duración para a divulgación do coñecemento e a transferencia efectiva do coñecemento científico xerado na USC e permitirá a participación remota e en vivo en eventos científicos, substituíndo o habitual espazo de presentación por unha contorna 3D con realización en directo, movemento de cámaras e integración de contidos 2D e 3D. Outra das principais utilidades será a valorización do patrimonio material e inmaterial a través das máis novidosas ferramentas tecnolóxicas.

Xornada de portas abertas
As súas potencialidades déronse a coñecer na Facultade de Ciencias da Comunicación na ‘Xornada de Portas a Virtus’, que inaugurou o reitor Antonio López xunto coa vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo; o delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Otero, e a decana da Facultade de Ciencias da Comunicación Ana Isabel Rodríguez.

Aberta a toda a comunidade universitaria e ao sector audiovisual e TIC de Galicia, Virtus nace cun pulo do financiamento europeo do programa Next Generation de 640.218,50 euros. Na xornada tamén explicaron detalles das posibilidades da plataforma o seu director científico, Enrique Castelló; o director técnico, Roi Méndez; e o técnico audiovisual Manuel Fidalgo, e tivo lugar a mesa redonda ‘Virtus na Academia: docencia e investigación’, seguida dunha quenda de visitas ás instalacións orientada ao sector académico. Na segunda mesa redonda, orientada ao sector audiovisual e TIC, dedicouse a valorar as posibilidades de proxectos conxuntos universidade-empresa, e á súa finalización houbo unha nova quenda de visitas ás instalacións.

Pola tarde continúan os obradoiros de tecnoloxía virtual por Miguel Jiménez Moya, de Brainstorm Multimedia, e The Argounauts, socios tecnolóxicos de Virtus.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2024.