A poesía infantil deste século, a análise
Un ano máis, a Rede temática de Literatura infantil e xuvenil da USC e, este ano, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística poñen en marcha o VI Curso de formación continua ‘As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora’ no que se tratará a poesía infantil no século XXI.
A parte presencial do curso iníciase este luns 7 na sede da Biblioteca Fundación Caixa Galicia (Frei Rosendo Salvado, 14-16) e rematará o próximo día 10. A inauguración terá lugar ás 9:00 horas e nela participan o director do Departamento de Filoloxía Galega, o presidente da AELG, a directora do curso e o director da Biblioteca da Fundación. Deseguido presentarase un informe sobre docencia e investigación na literatura infantil e xuvenil. A sesión da mañá completarase cun taller de poesía a cargo do escritor Antonio García Teijeiro, que xunto con Ana María Fernández participará nun encontro literario cos asistentes.
Na tarde do luns, a partir das 16:30 horas, terá lugar un recital poético musical de autores do marco ibérico, para rematar ás 19:00 horas cun encontro co poeta vasco Juan Kruz Igerabide e o portugués Joao Pedro Mésseder.
No marco deste curso, que conta co apoio de diversas institucións e con máis de cen matriculados, terán lugar, ademais dos encontros e recitais, mesas e coloquios sobre a produción poética e a súa investigación, experiencias, talleres de regueifas, de poesía, de plástica, etc. Entre estas actividades tamén se atopa a presentación, o xoves ás 12:00 horas, do monográfico A poesía infantil no século XXI (2000-2008), que se publica co apoio da Fundación Caixa Galicia e Edicións Xerais de Galicia.
Reunión da LIJMIParalelo ao curso, os días 8 e 9 deste mes reunirase en Santiago, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CIRP), a Rede Temática de Investigación ‘As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano’ (LIJMI) que coordina a profesora Blanca-Ana Roig, directora do proxecto ‘Informes de Literatura’ que anualmente dá noticia da produción e recepción de e sobre literatura galega, incluída a infantil e xuvenil.