Ir o contido principal

Pontes entre Oriente a Occidente

Huang Nan, na Facultade de Humanidades da USC
Huang Nan, na Facultade de Humanidades da USC
A decana da Facultade de Idiomas e Culturas Occidentais da Universidade de Xi’an, Huang Nan, completa unha estadía ‘erasmus’ en Humanidades

A decana da Facultade de Idiomas e Culturas Occidentais da universidade chinesa de Xi’an, Huang Nan, está a completar esta semana unha estadía ‘erasmus’ na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC, onde deixou constancia do crecente interese que están a espertar as universidades españolas como destino dos estudantes chineses que optan por ampliar a súa formación no estranxeiro.

Huang Nan, que imparte docencia de lingua e cultura españolas na universidade de Xi’an salientou tamén que máis de 15.000 universitarios chinos cursan estudos de lingua e cultura española en máis de 80 centros universitarios, ao tempo que se referiu aos estereotipos (sol, alegría, toros, fútbol… ) asociados a España como factores que xeran boa predisposición entre a mocidade chinesa cara afondar no coñecemento da cultura española e do seu idioma.

A idiosincrasia dos españois e o seu carácter gustan en China, sinala Huang Nan, quen, sen embargo, advirte das dificultades engadidas que supón para un oriental adaptarse a forma de vida de Occidente para participar da súa cultura, ao tempo que considera que a aprendizaxe do español é un proceso complexo e esixente para un alumno chinés, do mesmo xeito que no caso inverso.

Nan, que está a completar na USC a súa segunda estadía en España tras unha primeira visita a madrileña Universidade de Nebrija, recoñece levar unha imaxe moi positiva de Lugo e do seu campus universitario, no que “respiras coñecemento”, afirma. Respecto da cidade, Huang Nan tampouco repara en eloxios, xa que “é unha cidade pequena, tranquila, que ten moita historia, como así o proba a súa muralla romana, e na que tamén se pode gozar ao aire libre sen contaminación”.

A decana da Facultade de Idiomas e Culturas Occidentais da Universidade de Xi’an considera que a súa visita á USC servirá para impulsar os intercambios de estudantes e docentes entre ambas institucións académicas, entre as que xa existen convenios. Huang Nan apuntou, sen embargo, o alumnado que se decante por participar en programas de intercambio deberían esforzarse ao máximo na aprendizaxe do idioma, a fin de poder optimizar así o aproveitamento da súa estadía noutro país.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2017.