O potencial innovador da USC en materia de biotecnoloxía integra a segunda edición de BioSpain

A USC participou este martes 7 na inauguración da décimo segunda edición de BioSpain, unha das principais citas do sector biotecnolóxico europeo, que se desenvolve do 7 ao 9 de outubro na Fira de Barcelona. A Universidade de Santiago de Compostela xunto co resto da delegación galega acode co obxectivo de establecer alianzas estratéxicas, promover a innovación e xerar novas oportunidades de colaboración e investimento. Neste senso, José Luis Villaverde, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), participou nunha mesa redonda sobre transferir coñecemento, poñelo en valor e sobre o papel que xoga a alianza publico-privada para transformar saúde e territorio.
Baixo a marca ‘Galicia: o mellor camiño en biotecnoloxía’, a delegación galega, liderada pola Xunta de Galicia, quere amosar o potencial científico e empresarial da comunidade. Ademais da Axencia Galega de Innovación, a delegación da que forma parte a USC conta coa participación da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), XesGalicia as fundacións públicas dos Institutos de Investigación sanitaria IDIS, IISGS e INIBIC, as agrupacións industriais Bioga, Clúster Saúde de Galicia e VIRATEC, e as outras dúas universidades públicas galegas: Universidade de Vigo e Universidade da Coruña. En total, a comitiva aglutina máis de 160 empresas a través de seis agrupacións industriais, tres universidades e tres fundacións sanitarias, unha mostra da diversidade e da solidez do ecosistema galego biotech.
Espazo propio
No evento, Galicia conta cun espazo propio no pavillón institucional, onde se presentarán proxectos estratéxicos, capacidades científicas e oportunidades de colaboración únicas. Este espazo serve para fomentar a transferencia de coñecemento, establecer contactos internacionais e atraer investimento ao sector biotech galego.
BioSpain 2025, organizado pola Asociación Española de Bioempresas (Asebio) en colaboración con Biocat, a Generalitat de Catalunya e o Concello de Barcelona, reune a case 1.000 entidades innovadoras, máis de 2.200 profesionais de 34 países, uns 260 expositores e máis de 80 investidores. Neste foro, agárdase que se desenvolvan máis de 5.000 reunións bilaterais, facilitando o intercambio de coñecemento e a creación de novas oportunidades de negocio. O evento busca impulsar a innovación, o investimento, a colaboración e as novas oportunidades de negocio en biotecnoloxía. A asistencia de Galicia enmárcase na estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico galego 2021-2025, que aspira a posicionar á comunidade como referente internacional e potenciar a colaboración entre empresas, universidades e centros de investigación.
