O prazo de inscrición no certame audiovisual Findecurta remata o 19 de marzo

O certame de curtametraxes Findecurta que a Área de Cultura impulsa no Campus de Lugo da USC mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o 19 de marzo. O día 21 deste mes desenvolverase unha sesión informativa, ás 20.30 horas, na que se fará entrega da documentación e explicación do reto sobre o que pivotará o décimo Findecurta na Casa do Saber. Trátase das condicións que a curtametraxe deberá ter ou que deberán aparecer nela, e que se darán a coñecer durante esa xuntanza. A partir da sesión informativa e ata o 25 de marzo ás 10.30 horas deberá realizarse a peza audiovisual.
Tal e como establecen as bases, a totalidade da curtametraxe realizarase durante o tempo oficial do certame e calquera traballo creativo previo está prohibido. Isto inclúe escribir o guión, ensaios, vestiario, deseño de escenario, rodaxe, edición, deseño de son, renderización, dar saída á cinta ou outros medios. Ningún material de arquivo ou filmación previa poden ser utilizados. O traballo final non pode exceder dos sete minutos de duración. A proxección e entrega de premios desenvolverase nun acto aberto ao público o vindeiro 25 de abril.