Ir o contido principal

O premio literario Mazarelos bate récords ao recibir 36 orixinais

Facultade de Filoloxía
Nove dos orixinais presentados enmárcanse na categoría do premio reservada para obras de carácter científico. FOTO: Santi Alvite
O xurado deste certame organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC dará a coñecer o seu ditame no mes de novembro
Santiago de Compostela

Un total de 36 traballos concorren á sétima edición do certame literario Mazarelos, organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC. Nove dos orixinais presentados enmárcanse na categoría do premio reservada para obras de carácter científico que constitúe unha novidade con respecto a edicións anteriores e que se desenvolve en colaboración coa Asociación AgroMar.

Dirixido a fomentar a creatividade da mocidade universitaria e a desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, este certame aspira tamén a contribuír ao descubrimento de potenciais figuras da literatura en lingua galega. O xurado composto por cinco membros —dous deles, profesorado da Facultade de Filoloxía e tres, persoas externas pertencentes ao mundo da literatura e da lingua galega— decidirá e outorgará os premios do certame, dotados con 600 e 400 euros na modalidade aberta, e 500 euros na modalidade científica, alén do correspondente diploma honorífico. Para a resolución deste último premio, o xurado contará co asesoramento dun comité científico formado por tres membros da asociación de investigadoras/es AgroMar. O ditame darase a coñecer no mes de novembro.

O número de orixinais recibidos supera con amplitude os trece recibidos o ano pasado e iguala as cifras de 2019, ano no que tamén se presentaron 36 orixinais, a cantidade máis elevada no conxunto da historia do premio. O Concurso Literario Mazarelos conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2021.