Presentado en Xeografía e Historia o ‘Atlas Nacional de España’

Xeografía e Historia acolleu a presentación do Atlas Nacional de España, unha publicación que coordina o Instituto Geográfico Nacional (IGN) e a Rede ANEXXI na que participan 38 universidades, catro institutos de investigación, a Asociación Española de Geografía e o Colexio de Xeógrafos.
Neste contexto, María José Piñeira, Francisco R. Durán Villa e Ángeles Piñeiro Antelo, profesores do Departamento de Xeografía da USC, xunto cos catedráticos Oriol Nel.lo da Universidade Autónoma de Barcelona e Ángel Pueyo, da Universidade de Zaragoza fixéronlle entrega ao reitor da USC, Antonio López Díaz, dun exemplar impreso. Concretamente do volume dedicado á Poboación, poboamento e sociedade, no que se fai unha análise pormenorizada de temas sociais de actualidade, tanto no relativo a renda, demografía, creación de áreas metropolitanas ou áreas funcionais urbanas, entre outras cuestións.
A maiores das presentacións específicas sobre cada unha das tres seccións temáticas específicas do Atlas, desenvolveuse o obradoiro ‘Atlas Nacional de España: actualización e reutilización de datos’ a cargo de Pilar Sánchez, xefa do Servizo do Atlas Nacional, e de Carmen Carmona e Irene Sahagún, técnicas do IGN. Neste xornada presentáronse as ferramentas do IGN en termos de bases cartográficas e estatísticas, visores e o xeoportal (http://atlasnacional.ign.es/wane/P%C3%A1gina_principal) a través do que se pode visibilizar e descargar de forma gratuíta todas as bases cartográficas en formato vectorial, pdf e Excel. Tamén se trataron os procesos de optimización do Atlas Nacional de España e como xerar novas cartografías a partir de datos que unha persoa usuaria queira introducir.
En opinión do equipo promotor do encontro, a xornada permitiu facer patente o potencial do Atlas de cara a ofrecer información cartográfica, estatística -acompañada de textos explicativos- que “son unha base magnífica para que a cidadanía en xeral e os docentes de diferentes niveis podan consultalos e utilizalos de xeito gratuíto”. Igualmente destacaron que “a carreira de Xeografía ten unha forte compoñente práctica e aplicada. Os Sistemas de Información Xeográfica permiten desenvolver materiais cartográficos, estatísticos e de análise que se converten nunha ferramenta clave para os investigadores, o tecido empresarial e as administracións públicas ao facilitarlle unha información de actualidade a diferentes escalas (mundial, europea, nacional, municipal e intraurbana)”. Ademais “permiten optimizar o seu funcionamento así como favorece o deseño de políticas públicas máis próximas á realidade dos espazos urbanos e rurais nos que residimos”.