Preséntase na Facultade de Humanidades o libro 'Integracion lingüística e inmigración'
Integración lingüística e inmigración é o título do libro que este xoves 30 se presenta ás 17:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Humanidades de Lugo. Esta nova publicación recolle as comunicacións presentadas ao I Curso de Verán "Ensino de segundas linguas a inmigrantes" celebrado Facultade de Filoloxía da USC no mes de xullo de 2007. Na presentación intervirán o vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres, acompañado polo decano da Facultade, Alejandro Veiga, e por unha das coordinadoras da edición.
Esta obra é unha das primeiras publicacións que aborda o problema de ensinar lingua a nenos e adultos que chegaron recentemente á comunidade galega e que se incorporan a calquera das dimensións da sociedade ou máis en concreto, no caso dos nenos, ao sistema escolar, no que coexisten dúas linguas que en boa parte dos casos lles son descoñecidas.
As profesoras do Departamento de Lingua Española Mª Teresa Díaz García, Inmaculada Mas Álvarez e Luz Zas Varela son as responsables da edición, que contou coa supervisión lingüística da profesora do Departamento de Filoloxía Galega, Carme Silva Domínguez.